Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Masters of war” ou o negocio da guerra

Imaxe da matanza en Bucha (Ucraína). / FDV

Teño que abrir a fiestra aínda que me dá un pouco de preguiza. A nosa rúa é unha xungla na que os cortes de auga e luz comezan a ser habituais. En fin…Vivimos tempos de guerra, din moitos -e non lles falta razón- pero, por desgraza, isto xa é un panorama eterno. Esta, a invasión rusa de Ucraína, ten moito protagonismo porque nos toca de preto, porque se produce en Europa e, sobre todo, porque ten unhas consecuencias económicas brutais. Velaí a chave de todo.

Nos meus libros de poemas, sempre hai algún ou algúns que expresan a triste faciana dos conflitos bélicos. Porque, non o esquezamos, a guerra existe en moitos lugares do mundo aínda que non teñan case repercusión nos medios. Véñenme á memoria focos de guerra ou violencia estrutural en Sudán do Sur, Somalia, Palestina, Iemen, Haití, Cachemira, a República Centroafricana, Iraq, Afganistán, Filipinas, Siria, Colombia, o Sahel, o Sahara e bastantes máis. Non se coñecen a maior parte deles. Estas vítimas cotiás pouco importan.

Por certo, acabo de ler un libro magnífico, O rosario e a buguina, de Xosé Ricardo Losada, sobre os últimos días que pasa, enfermo de tuberculose, o poeta Manuel Antonio, na compañía da súa nai, con quen mantivo -e mantén- unha relación de enfrontamento ideolóxico baseado nas súas antagónicas visións do mundo. Dúas voces que mesturan sentimentos encontrados e que, malia o amor que se profesan, manteñen unha maneira diferente de asumir a morte.

Na páxina 123 do libro, o poeta Manuel Antonio fala do fracaso da súa vida, pero afirmando que, para el, ese fracaso, fora o seu maior éxito.E tras afirmar que sempre fuxiu do que a familia quería que fose, un ser acomodado e só preocupado polos cartos, afirma como éxito “ser un soldado enfermo e eximido do servizo nun exército que me quería mandar a unha guerra colonial inxusta. Ser un pueril soñador de revolucións nun mundo onde millóns de mozos da miña idade morrían por espurios intereses dos homes pragmáticos nunha guerra absurda”. Ese foi o seu lamento e a súa paixón por ser unicamente poeta.

Este parágrafo do libro levoume a pensar unha vez máis nos distintos intereses que hai detrás da guerra. Intereses xeoestratéxicos dos grandes bloques, manter o control sobre os recursos materiais que comezan a esgotarse nun mundo no que o cambio climático soa tristemente a papel mollado. Prevalece o enriquecemento dos lobbys, das empresas armamentísticas, dos traficantes de armas que multiplican a súa riqueza a costa das vítimas. Son os “señores da guerra”.

Daquela, Masters of war, a terrible canción de Bob Dylan, escrita en 1962 e que aparece no disco The Freewhelin´, entrou de novo no meu corpo poñéndome a pel de galiña. Esa canción que comezaba dicindo: “Vinde, señores da guerra/ Vós que fabricades todas as armas/ Vós que fabricades mortíferos avións/ Vós que fabricades as grandes bombas/ Vós que vos agochades tras os muros/ Vós que vos agochades tras os escritorios/Só quero que saibades/ Que vexo a través das vosas máscaras…”

Xa naquel tempo me chamara a atención a referencia a eses monstros, a esas persoas que se dedican a fortalecer o armamento das nacións acadando enormes beneficios. Toda unha maquinaria criminal que enriquece os desapiadados e que manteñen conflitos en múltiples lugares da terra para seguir cun negocio que dá pavor. O negocio da guerra. Que pouco se fala deles. Que silencio perante os muros da indecencia erguidos diante nosa, onde seres sen entrañas moven os fíos do destino dos países.Comercian coa morte e enchen os seus petos cun diñeiro manchado de sangue.

Bob Dylan arremete contra eles nunha canción-ladaíña que pon os pelos de punta. E faino inspirándose “no aire da época”, como lle gusta dicir, tras a crise dos mísiles de Cuba.

Gravada en 1963 no estudio de Columbia, provoca unha conmoción na sociedade estadounidense dese tempo pola crueza con que o músico describe unha realidade agochada. Un longo tema, cun ton irónico tipicamente dylaniano, que causou polémica porque nunca se escoitara unha diatriba antibelicista tan directa e contundente. Un ataque frontal e punxente contra aqueles depredadores que se benefician da guerra, aqueles que, agochados nos seus despachos, queren ver o mundo en chamas.Unha denuncia sen rodeos do complexo industrial e militar americano, pero que se pode espallar por outros territorios do mundo.

Un discurso brutal gardan os versos da canción: “construídes para destruír”, xogades co mundo coma se fose un xoguete”, “poñedes unha arma na miña man e saídes correndo cando as balas comezan a voar”, “axustades os disparadores para que outros disparen” ou “agochádesvos en mansións mentres o sangue dos mozos escapa dos seus corpos e se afunden na lama”…

Un non pode engadir nada a versos coma estes nunha canción con semellante denuncia. Un quixera ver nos xornais sinalados eses monstros invisibles que programan o mal. Deles, case ninguén fala. Imposible. Non se pode. De aí traer a estas liñas Masters of war. Ten vixencia. Escoitémola.

E temo que, por desgraza, nunca deixará de tela. 

Compartir el artículo

stats