Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Libros prohibidos

Viñetas dunha edición en castelán de “Maus” y Art Spiegelman

Art Spiegelman é un debuxante que naceu a finais dos anos corenta, en Suecia. Os seus pais, Vladek e Anja, sobreviviron á persecución nazi, feito que vai condicionar a vida do seu fillo. Semella difícil fuxir dun trauma herdado de semellantes dimensións. Anja suicidouse no ano 1968. Froito deste suceso, Spiegelman debuxa Prisioneiro do Planeta Infierno, catro páxinas nas que narra este episodio e as consecuencias do suicidio na súa vida e na do seu pai. A súa obra máis aclamada é Maus, recoñecida co prestixioso Premio Pulitzer no ano 1992. Foi a primeira vez na historia deste galardón que se lle concedeu a un cómic. Maus é unha obra monumental. O protagonista é o pai de Spiegelman. A través de viñetas en branco e negro, o debuxante relata o horror da experiencia de Vladek no campo de concentración e exterminio de Auschwitz apoiándose en personaxes zoomorfos: os xudeus son ratos, os nazis son gatos, os polacos son porcos, os norteamericanos son cans... Un libro valiosísimo e testemuñal que acaba de ser retirado de varios centros de ensino dun condado de Tenesse, en EE.UU. Coméntase que a decisión foi tomada a porta pechada. Fíxose pública a acta da xunta escolar de Tenesse e xustifican a resolución alegando que a obra contén palabras malsoantes e espidos femininos. Non é a primeira vez que sucede isto. Anos antes, Maus fora retirado das librarías en Rusia, baixo a acusación de apoloxía do nazismo. Os responsables desta retirada non entenderon absolutamente nada. Se existe unha obra certeira que constitúe unha crítica radical contra o Holocausto é Maus. A historia repítese agora en Estados Unidos. Art Spiegelman foi entrevistado ao respecto e recoñeceu sentirse desconcertado, cualificando a decisión da xunta escolar de “orweliana”. O que, con toda seguridade, non agardaban na xunta escolar de Tenesse é o que sucedeu a continuación: disparáronse as vendas de Maus. A obra recibiu o apoio coordinado das librarías, que organizaron lecturas virtuais animando ao público a ler a obra. O New York Post explicou que foi posta en marcha unha iniciativa coa que conseguiron recadar máis de oitenta mil dólares para mercar exemplares de Maus e distribuír a obra de balde entre o estudantado.

Na nosa memoria recente temos o caso de Fariña, o libro sobre o narcotráfico galego escrito polo xornalista Nacho Carretero, publicado en galego por Edicións Xerais e en español por Libros del K.O. Unha xuíza acordou o secuestro cautelar da obra debido a unha denuncia de José Alfredo Bea Gondar, exalcalde do Grove, que aparece mencionado na obra. Prohibiuse a impresión e comercialización de Fariña. Os libros non podían saír dos almacéns das editoriais. Tamén neste caso houbo un disparo das vendas. Lembro persoas intentando conseguir a obra por todos os medios, xente que viaxaba ata Portugal, onde a edición lusa se vendía con total normalidade, libreiros que gardaban exemplares debaixo das mesas coma quen tiña material de estraperlo. Catro meses despois, a Audiencia Provincial decretou o levantamento do secuestro editorial. Fariña xa era daquela todo un fenómeno editorial. Recordo que un dos comentarios daquel momento entre as persoas que nos dedicamos ao oficio da escrita era: “oxalá secuestren a miña nova novela”. Mais ninguén o dicía en serio.

Compartir el artículo

stats