Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Que non perdamos as ganas

Un sanitario sostiene una vacuna de Sputnik FdV

A última vez que esta nave chamada Sputnik lanzou unha mensaxe nas follas deste xornal aínda estábamos en 2021 e faltaban un par de semanas para a celebración do Nadal e vivir a desfeita provocada pola variante ómicron. Por certo, o nome da primeira vacina aprobada no mundo para inmunizar á poboación fronte á Covid-19 foi Sputnik V. Gústanme as coincidencias. Analízoas con minuciosidade, tratando de atopar explicacións lóxicas en cousas que, moitas veces, son aleatorias. Hai cousas que non se poden medir, coma a tristura, o medo ou o cansazo. A ómicron púxonos en xaque, cando xa semellaba que o virus empezaba a quedar atrás. Tal vez pecamos de optimistas. Ou quizais precisabamos aferrarnos á esperanza porque tanto tempo na corda frouxa pasa unha factura que chega un momento en que se volve insostible.

"Penso tamén en quen escolleu illarse por precaución, en quen tivo que improvisar unha cea porque todos os plans caeron coma castelos de naipes, en que non puido ir ver á familia.... "

decoration

O Nadal é tempo de celebración en familia. O pasado mes de decembro houbo moitas persoas que pasaron as festas coa soidade pairando sobre elas coma unha sombra. Coma un presaxio que pesa porque o futuro é incerto e o presente unha batalla. Lin moitos comentarios que cuestionaban o Nadal como unha época de alegría e iso fíxome reflexionar. Lembro un que me doeu especialmente. Viña a dicir algo así coma que o Nadal son esas festas en que moitas nais pasan horas e horas cociñando para persoas que nin sequera lles caen ben.

Houbo outro que resumía estas datas coma ese momento en que se nos obriga a sentar nunha mesa con comensais que non aturamos, só porque a tradición se impón. Tamén lin comentarios que trataban esta cuestión con humor. Xente que finxía un test de antíxenos positivos para librarse da cea de Noiteboa, outra que estiraba os días de confinamento para non ter que compartir as festas con certos familiares... De todo tivemos neste mes de decembro. Mais eu non podía deixar de pensar nas outras. Nesas que, co seu cuarto coma gaiola, asomaban a cabeza só para coller a bandexa de comida que lles deixaban na porta. Nesas persoas que tiveron que inventar xeitos de pasar as horas, de convivir coa soidade, coa tristura, coa pena de non poder compartir momentos de ledicia coas persoas queridas. Imaxinábaos montando construcións de lego, lendo libros, vendo series, facendo quebracabezas, contemplando a vida a través do cristal dunha fiestra, enviando mensaxes a través do móbil na procura dunha palabra de alento. Ás veces creo que esquecemos o bonito que é quererse. Penso tamén en quen escolleu illarse por precaución, en quen tivo que improvisar unha cea porque todos os plans caeron coma castelos de naipes no medio do vendaval, en quen non puido ir ver á familia. Penso en ti e éntrame o frío.

Dáme certo pudor verbalizar que tiven un ano marabilloso no persoal e no profesional porque hai tanta pena arredor de nós que, por momentos, semella que non temos dereito á felicidade. Se fago balance e boto contas dos libros que lin, das series e películas que me fixeron pasar grandes momentos, dos instantes compartidos co público lector e coas amizades, podo afirmar que teño intacta a capacidade de emocionarme. E iso, nun período coma este, onde semella que se nos obriga a construír armaduras para combater a dor, é un logro. Iso é o que lle pido ao 2022. Que non perdamos as ganas.

Compartir el artículo

stats