Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Samil, espazo infinito de emocións

Vista aérea da praia viguesa de Samil.

Soa o piano de Thelonious Monk, sento xunto á fiestra mentres leo a Obra poética case completa de María do Carme Kruckenberg (Ediciós do Castro, 2000). Un bochorno tormentoso ataca o meu corpo e sinto como marcha un verán que este ano nunca foi. Na folla de papel resoan as palabras da poeta nunha cantiga de homenaxe a Martín Códax:

¿Onde marchou meu amor?
Foise remando de noite
proa ás Cíes, cara ó norte.
¿Onde marchou meu amor?
A botar redes de bágoas
para non morrer de delor.
¿Onde marchou meu amor?
A perderse coas estrelas
que lle choutan a redor.
¿Onde marchou meu amor?

Influído polos versos da poeta penso en Samil. Un Samil que marcou boa parte da miña vida nos diferentes tramos de idade. O medo da nenez, vestindo un bañador verde con peto, evitando entrar no mar, malia os esforzos dos meus pais. Choraba e fuxía. É o recordo máis antigo que teño. Na adolescencia, Samil era o paraíso longamente agardado durante nove meses de curso. Xulio e agosto estiveron sempre, nesa época, tinxidos de sol, mar, area e felicidade. Lembro ir cara á Samil no coche do meu pai por Beiramar e ver como esvaraban pezas de xeo por unha pasarela directamente de Casa Mar aos pesqueiros atracados no peirao. Encantábame. Lembro a luminosidade da area no encontro cos amigos que sentían o mesmo gozo ca min pola praia. E os partidos de fútbol nesa area mollada na que nos sentiamos futbolistas de verdade. E recordo agarimosamente os xutes do meu pai a un mociño que arelaba ser Iríbar e que facía “palomitas” na procura dun balón lanzado coa intención de traspasar a portería con postes de area.

Ninguén poderá afastar da miña memoria a luz cegadora desas mañás máxicas -para moitos, supoño, intranscendentes- pero para min entrañables. Porque Samil é un facho inextinguible que alumou soños e degoiros de mocidade. E malia o proceso destrutivo da praia, nas miñas lembranzas seguen ben vivas as dunas acoiteladas en beneficio dun mal entendido progreso. Desas dunas naceron mil das miñas palabras. Dos piñeiros que se erguían detrás, apareceu a voz de Pondal e doutros poetas que me axudaron a ser quen son.

Das rochas que se atopan ao final do tramo chamado Argazada, naceu un conto moi especial para min que se atopa no meu primeiro libro de relatos, A chave dos soños, que leva por título O neno que xogaba coas ondas. Moitas veces me botei de cabeza dende elas, esas rochas que tamén me servían de refuxio noutros intres.

23

Samil, regreso al edén Hilda Gómez

En Samil recibín a noticia da concesión do Premio Nacional de LIX, mentres lía sentado fronte ás Cíes. Esas illas misteriosas que danzan no horizonte. Un horizonte que recibe as ás dun vento poderoso que o fai tan suxestivo.

Samil canta ao tempo que rompe as súas voces mariñas e achega ondas de sal, xogantinas, que acariñan os meus pés mentres paseo. Sinto a súa mensaxe secreta no medio da beleza da paisaxe. E devezo por rabuñar a area que fai costuras de escuma diante dos meus ollos sempre abertos e dispostos a sorprenderse.

Samil non pestanexa. Samil abraza coa súa ollada húmida as lembranzas das persoas para facelas eternas. Talvez eu perdese algunhas delas e quedasen soterradas entre a area e o salitre que cicelaron a miña infancia. Porén, Samil, co seu vaivén non deixa de dicirme ao oído palabras que son transparentes coma as súas augas, que me fan recordar e que, mesmo, me permitiron idear poemas mentres aboiaba apraciblemente nelas.

Eu báñome todo o ano en Samil. E Samil sempre me recibe cun amplo sorriso e unha actitude de acougo. Sexa a estación que sexa, en Samil atopo decote eses bicos de mar que preciso, o canto das nubes xogando co sol tímido de inverno e as belidas bágoas de felicidade, bágoas de nácara que o mar pousa na area.

Remato nun momento de eclosión musical de Thelonious Monk, salientando uns fermosos versos da poeta cubana Fina García Marruz que me recordan a miña nai falecida a idade tan inxusta:

Porque he visto una playa que no olvido,
la mano de mi madre, el interior de un coche,
comprendo los sentidos de la noche
porque he visto una playa que no olvido.

Samil, espazo infinito de lembranzas e misterios.

Espazo infinito de emocións.

Compartir el artículo

stats