Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sputnik

Setembro, esa criatura

La vuelta al colegio de septiembre

Nacín en setembro tal día coma hoxe, e supoño que esa é unha das razóns polas que me gusta tanto este mes. Mais non a única: setembro é o período dos reencontros, das cousas que regresan. Esa sensación agudízase porque aterramos desde agosto, a etapa do mundo suspendido. Os reloxos parados, a xente movéndose ao ritmo da preguiza, as cidades somnolentas e a medio habitar, coma se fosen criaturas incompletas. Setembro colle velocidade da man dos pícaros que inician o curso escolar, e o mundo xa non semella o mesmo. É case arte de maxia: dun día para outro, o recordo do verán torna impreciso. Esvaécese con tanta rapidez que semella un episodio afastado. Queres alcanzalo, mais desaparece. Xa non está. A cidade tamén sufriu unha mutación: regresa o tráfico, os apuros, os prazos de entrega. As responsabilidades invaden a mesa de traballo. Son animais á espreita con varios pares de ollos. Sobresáltanse cada vez que soa o teléfono e ti sentes que te vixían, implacables.

Non podo negar que son dese tipo de persoa que traballa mellor baixo presión. Para min, os prazos de entrega son a mellor fonte de inspiración que existe. Mais admito que teño pánico deste outono que xa está batendo cos cotenos na porta. Porque a pandemia tivo un efecto devastador. Roubounos máis dun ano das nosas vidas. E agora que? Agora xorde a necesidade de recuperar o contacto humano e a nós correspóndenos poñer os límites. Convivimos coa incerteza de non saber como vai funcionar o mundo de agora en diante e, ao mesmo tempo, tivemos tempo de reflexionar sobre os nosos propios ritmos de vida. Pero setembro é implacable. Queres pisar o freo, ir devagar, respectar os límites. Mais a escola, o traballo, a casa, a familia, os compromisos, as amigas, o mundo que te atropela e tes que correr máis e máis rápido para evitar o accidente. Ás veces soño con vivir nunha illa azul onde apenas haxa cobertura. Onde estea obrigada a achegarme a un punto concreto para recibir mensaxes e correos electrónicos. E que o resto do tempo poida dedicarme en exclusiva a escribir, ler e ver series. “Aburriríaste moito”, estarás pensando. Non o nego. Mais, onde radica o equilibrio? Cal é o punto medio entre o sopor de agosto e a vertixe de setembro? Talvez non exista. Cada ano, por esta época, pregúntome que ten este mes que me seduce, me asombra e me desborda a partes iguais. A medida do que sucede podería facela en libros. Durante o verán devorei marabillas: “Que hostia din os rumorosos?”, de Rompente, “Bosques, etc.” de Alice Oswald, “Del color de la leche”, de Nell Leyshon, “Al final siempre ganan los monstruos”, de Juarma, “La mentira por delante”, de Lorenzo Montatore... E tantas outras obras que converteron esas semanas nun episodio idílico. Nun residir perpetuo nesa illa azul coa que soño de cando en vez. Este mes apenas conseguín empezar a ler unha noveliña de cen páxinas. Sempre me vence o sono, o cansazo e as obrigas. Hoxe, non. Hoxe é dezanove de setembro e teño unha botella con ese número etiquetado en grande. Alguén tivo o detalle de agasallarma para brindar pola vida. Chin-chin!

Compartir el artículo

stats