As palabras importan. O xeito de nomear as cousas é, indiscutiblemente, unha escolla que reflicte a nosa maneira de situarnos no mundo. Non lembro cando escoitei falar por primeira vez da linguaxe inclusiva. Nin sequera podo recordar cando empecei a empregala. Foi un exercicio autoconsciente. Ese proceso durou anos, ata que conseguín integralo no meu xeito de expresarme. Agora flúe de maneira orgánica e sinto que me expreso dunha forma moi aproximada a como encaixo na sociedade. Non me sentiría cómoda referíndome de xeito xenérico a “o home”, cando podo dicir “o ser humano”. Como tampouco concibo dicir “os escritores”. A miña opción é sempre “as persoas que escribimos”, “as persoas escritoras” ou “as escritoras e escritores”. Ao que non estou disposta é a contribuír a que a historia continúe a escribirse en masculino. Non me gusta que nos neguen, nin que nos invisibilicen, nin que nos fagan de menos. Se algo hai que ter en conta, é que somos o 50% da humanidade.
Dáme por rir cando escoito algún argumento que apela á “economía da linguaxe” para manifestarse en contra do emprego da linguaxe inclusiva. Porque, en realidade, non é unha cuestión de economía. É unha cuestión de intelixencia. De atoparlle o xeito ás palabras e non conformarnos con que nos borren e permanecer incólumes, de brazos cruzados, sen dar un chío.

Hai uns días naceu unha polémica polas seguintes palabras de Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda do Goberno e Ministra de Traballo: “Quiero un proyecto de convivencia democrática para mi país. Una España plural que se parezca a sus gentes. Una matria que cuida, que dé más al que menos tiene y ponga los servicios públicos en el centro”. Chovéronlle críticas por empregar o termo «matria».
Entre outras xentilezas, chamáronlle a xeito de insulto cousas coma: hembra, machista ou feminista. Tal foi o disparate. Ela, lonxe de recuar, reafirmouse: “Matria Europa, dicía Edgar Morin. Matria tamén nos textos de Unamuno, Borges, Virginia Woolf ou Julia Kristeva, que nos falou dun espazo que non ten que ver coa terra de nacemento, nin co Estado, senón cun lugar interior no que crear un cuarto propio. Esa é e será a nosa matria”.