Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lectura e deporte

Andrés Iniesta, na presentación dun seu libro biográfico. FDV

Chega o verán mentres escribo este artigo. Abro a fiestra e as nubes xogan ás agachadas co sol. A temperatura é agradable e estou a escoitar uns cuartetos do meu amado Beethoven. Sempre volvo a el. Preciso da súa música intensa e, con ela, intento esquecer por uns intres o nexo que producen certas afirmacións desta ultradereita que padecemos sobre inmigración, racismo e violencia de xénero. Desacóuganme. En que país vivimos?

Reflexiono mentres escribo, e esas reflexións lévanme directamente á lectura, esa paixón que, coa música, fai máis levadeira a miña vida. As dúas danlle sentido e permiten que certas raiolas de optimismo alumen o día a día.

E non sei por que, comezo a pensar sobre a relación entre lectura e deporte. Por que non van da man?, pregúntome. Por que lamentablemente ten unha actividade que excluír a outra? E fágome axiña mil preguntas sobre o tema. Non sei se son retóricas ou agardan algunha resposta racional. Non estamos nun país de lectores, iso o teño claro. Malia que o índice de lectura vaia subindo, estamos ben lonxe do ideal. Daquela, respóndome: se esta é unha sociedade cun baixo nivel lector, non nos debe estrañar que os deportistas sexan un elo máis desta cadea que non le.

E que mágoa sinto! Os deportistas - e en maior medida os futbolistas - son referentes claros para nenos e nenas e para boa parte da mocidade. Sabemos deles, dos máis mediáticos, mil cousas, a meirande parte banais. Porén, non sabemos o que len. Será porque non len? Sabemos que Rafael Nadal ten un iate de case seis millóns de euros ou que leva un reloxo dun prezo que asusta. Mais non sabemos o que le. Sabemos das grandes figuras do fútbol, do tenis, do motor, do baloncesto o que anuncian – ata son patrimonio da banca, que xa é dicir – e vemos os seus rostros na televisión, nos carteis, nos xornais. Anuncian de todo: automóbiles, colonias, reloxos, bebidas…mais nunca anuncian libros. Non se lles ve endexamais cun libro nas mans. E que ben farían se fose así! Pero si sabemos dos moitos coches (causan rubor polo indecente) e mansións que posúen. Viven en burbullas, alleos á realidade da vida. E algúns aínda se permiten o luxo de opinar do que non saben. De dar leccións de ética ou incluso intentan influír en asuntos políticos.

Hai honrosas excepcións, sen dúbida. Lembro a Pep Guardiola acompañando a Miquel Martí i Pol nalgúns recitais. Lembro a biblioteca persoal de Jorge Valdano. Ou a Sergio Álvarez mercando o último libro de Pedro Feijoó. A Javier Maté falándome, nunha conversa deliciosa, do moito que está a ler. E sóame unha campaña de lectura en Castela- A Mancha con Andrés Iniesta como protagonista. Algo sei de Xabi Alonso ou de Oyarzábal e pouco máis. Talvez existan outros casos, pero, se os hai, non transcenden. Está ben claro que estes asuntos da cultura non venden. O materialismo afoga as humanidades e así nos vai. E sinto unha pena tremenda, porque as cousas poderían ser doutro xeito máis acorde co espírito e a esencia do ser humano. Demasiadas aparencias e pouca sensibilidade no desenvolvemento vital das persoas.

Cando fun adestrador, recomendaba libros aos meus xogadores e falaba con algúns deles de música, de cine, de literatura...

Eu que, ao longo da miña vida docente, non deixei de insistir ao meu alumnado na necesidade de xogar e de ler. Eu que, sendo deportista de certo nivel, levaba libros na bolsa de viaxe e lía antes de durmir ou durante os traxectos.

Eu que, cando fun adestrador, recomendaba – e agasallaba – libros aos meus xogadores e con algúns deles falaba de música, de cine e de literatura.

A lectura foi algo que me fixo mellor sen ningunha dúbida.

Claves para fomentar la lectura en los niños Leticia de Torre / Getty Images

Dóeme sinceramente que os e as deportistas non lean. Amosan na súa formación un burato terrible e ben se lles nota. Moitos non dan, nin sequera, bos exemplos cívicos e tristemente son admirados.

Dóeme que ambas actividades non conflúan para acadar seres máis libres, máis cultos, máis felices.

Dóeme non poder admirar a faceta máis humana de quen fai do deporte a súa vida. Non teñen obriga cultural, son consciente, pero que fantástico sería que tanta rapazada puidese reflectirse no espello dunhas persoas que, ademais de deportistas, fosen admiradas polas súas inquedanzas culturais e sociais.

Que fermoso sería velos baixar do seu pedestal e notar que moitos egos se disiparían entre libros e conversas ateigadas de intelixencia.

Este mundo non é baleiro. Fano baleiro os intereses económicos, políticos, empresariais, financeiros, relixiosos que semellan afogarnos. Pero nas nosas mans está darlle unha volta a isto, aínda que sexa pequena. E a cultura, a lectura, como parte fundamental da mesma, é unha boa ferramenta para cambiar tendencias.

Teño ben claro que a palabra é o que nos define como seres humanos e, como lin nun conto de Borges, é ademais a última esperanza de salvación.

Mágoa que moitos non o entendan.

Compartir el artículo

stats