Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O maio das letras

Xela Arias

Remata maio e iso significa despedir o mes das letras. Este ano, o 17 de maio tivo un cariz especial. En primeiro lugar, pola súa protagonista, Xela Arias, autora cunha poética fresca e poliédrica, coa capacidade de conquistar distintos tipos de público, especialmente o público mozo. Mais creo que tamén porque empezamos a albiscar esa luz ao final da cova escura da pandemia.

Estes meses foron unha festa arredor da palabra e da poesía de Xela. Estábamos desexando celebrar e celebramos. Menos sorte correu Ricardo Carvalho Calero. A súa celebración, no pasado ano, quedou entebrecida polas circunstancias.

ledicia costas

A celebración das Letras Galegas foi unha proposta de Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo. Tivo lugar o 20 de marzo de 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. A poeta foi a galardoada nesa estrea da efeméride. Houbo que agardar 24 anos para que fose escollida outra muller: Francisca Herrera, a quen se lle dedicaron as letras no ano 1987.

Un paseo con Rosalía de Castro

Un paseo con Rosalía de Castro CARLA PESQUEIRA

De cincuenta e oito figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas, tan só cinco son mulleres. Ás xa mencionadas falta engadir a María Mariño (2007) e María Victoria Moreno (2018). A escolla do Día das Letras sempre é controvertida e os debates que se crean arredor das figuras elixidas provocan debates e críticas, algunhas máis furibundas ca outras. O que é evidente é que a balanza está desequilibrada e que, ata hai ben pouco, as letras galegas quixeron escribilas en masculino.

Esa tendencia está empezando a mudar, cuestión que semella relacionada coa incorporación ao Pleno da Real Academia Galega de mulleres coma Ana Romaní, Luz Pozo ou Marilar Aleixandre, que ingresaron entre os anos 2017 e 2019. De feito, a día de hoxe, os cargos da Comisión Executiva da RAG ocúpanos tres mulleres e dous homes, feito que vai máis alá do simbólico e do que eu fago unha lectura positiva. Mais queda aínda moito camiño por andar. A diferenza de número entre as mulleres e homes escritores que integran o Pleno da RAG segue sendo un abismo.

O artigo 7 dos Estatutos da RAG recollen que a figura escollida para ser homenaxeada no Día das Letras Galegas ten que cumprir algúns requisitos: ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe. E quizais o máis cuestionado: deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día. Debería mudar a celebración do Día das Letras, como tanto se ten demandado? Pode ser. Á fin e ao cabo, todo é mellorable. Debería de festexarse a literatura dun autor ou autora viva? Seguramente. Mais talvez a pregunta non sexa esa. Porque o noso sistema literario é endogámico e ten os vicios e roles propios dunha familia pequena. E porque os premios e recoñecementos son moi cobizados, teñan dotación económica ou non. Tanto que, en demasiadas ocasións, voan coitelos. Como se non estivésemos preparados para os éxitos das outras. Considero que esa é a gran materia pendente.

Para min foi unha grande alegría que Xela Arias fose a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas. Mais tamén son das que defende que a crítica por sistema, a crítica destrutiva, non aporta nada máis que ruído. Son partidaria de mudar laios por traballo. Partidaria de construír e celebrar. E a poesía de Xela ben merece ser festexada (e lida), alén do 17 de maio.

Compartir el artículo

stats