Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O fútbol da man de Galdeano

Diego Maradona, ídolo de Eduardo Galeano (a la izquierda) FdV

Cerro a ventá porque o ceo anuncia una forte treboada que non tarda en aparecer cunha forte chuvia. Chove a cachón. O ceo está negro. Continúo.

Tras a lectura da primeira parte deste artigo, chámame meu fillo Antón dende Jackson, Tennessee, nos Estados Unidos. Quere falarme deste tema porque lle entusiasma o fútbol. Aplaude que o tocase neste espazo e quere achegar algunha opinión. Lembro, entón, cando o levaba ben pequecho da man a Balaídos e, xa sendo adolescente, partillabamos os encontros dun xeito bastante imparcial, malia o forte desexo de que gañase o noso Celta. Escoitabamos de todo ao noso redor; porén, moitas veces cunha simple ollada amosabámonos a nosa complicidade no desacordo co que se dicía.

Fálame Antón de que como case todo o importante e significativo na vida, o fútbol non é unha excepción. Recorda a paixón azul celeste que eu lle transmitín (como me pasara a min co meu pai) pero amósase preocupado polo futuro do fútbol dado o efecto esaxerado da súa comercialización. Coméntame que ao primar o negocio dun xeito incesante, baixa a emoción dos encontros -que considera demasiados- e cre que o interese futbolístico se reduce por parte dos afeccionados. Ponse el mesmo de exemplo e dime que os únicos partidos que lle interesan de verdade son os do noso Celta e os da Fase Final dos Mundiais.

Alégrome de escoitar estas palabras. As conversas que mantemos periodicamente os dous a través de internet versan sobre música, docencia, literatura e tamén, dende logo, fútbol. Pero hai que ver as cousas dunha maneira crítica e racional e o fútbol está caendo, xa hai tempo, na irracionalidade.

E volvo a Eduardo Galeano e a El fútbol a sol y sombra. Chámame a atención a referencia a un escritor que admiro, Albert Camus. Este, fillo de casa pobre, non podía correr polas canchas porque cada noite a avoa lle revisaba as solas e dáballe unha malleira se as atopaba gastadas.Por iso foi porteiro e co fútbol aprendeu algúns misterios da alma humana, a gañar sen sentirse Deus, a perder sen sentirse lixo, sabedorías difíciles, e aprendeu algúns misterios da alma humana, en cuxos labirintos soubo introducirse despois, nunha perigosa viaxe, ao longo dos seus libros.

Fútbol de sol y sombra, Eduardo Galeano (Siglo Veintiuno de España Editores)

Fútbol de sol y sombra, Eduardo Galeano (Siglo Veintiuno de España Editores)

Pero o fútbol tomou moitas outras direccións erradas. Perdeu o efecto socializador. Non teño dúbida de que no fútbol mingua a calidade. É máis opaco. Máis conservador. Teño para min, en moitas ocasións, que ninguén se divirte con el. É máis físico que estético. Busca resultados e non se aproveita de verdade todo aquilo que o debía mellorar cos avances sociais:bos fisioterapeutas, nutricionistas, recuperadores dos futbolistas, psicólogos, estruturas dos clubs etc.

Pero non se apalpa ledicia no campo. Todo resulta excesivamente mecánico.Todo moi aburrido e predicible.Falta a cor, a brillantez do xogo creativo, do xogo máis artístico, dese xogo que eleva o fútbol á categoría de arte pola súa beleza e o seu espírito estético.

Para Galeano o fútbol expresaba “emocións colectivas, esas que xeran festa compartida ou compartido naufraxio e que existen sen dar explicacións nin pedir desculpas”.

Pero chega un momento no que todo isto racha. Desaparece para se converter en algo que, coma xogo, perde identidade e os intereses económicos coutan o fútbol e case o matan.

O escritor uruguaio ama este deporte. El mesmo quixo ser futbolista, pero só xogaba ben, ata moi ben, mentres durmía. Escribindo sobre fútbol, moi crítico, quixo facer coas mans o que nunca puido facer cos pés.

Concordo con el en que no mundo actual todo o que se move transmite algunha mensaxe comercial. Cada futbolista é unha carteleira en movemento, pero a FIFA non permite que os xogadores leven mensaxes de solidariedade social. Para Galeano, os clubs son agora sociedades anónimas que, en boa medida, manexan fortunas contratando xogadores e vendendo espectáculos, e están acostumados a trampear o Estado, a enganar o público, a violar o dereito laboral e outros dereitos. Están, tamén, acostumados á impunidade. E por que?, pregúntome. Porque hai una maquinaria arredor deste deporte que traballa para que nada cambie, para minimizar condutas, para crear necesidades e acalar escándalos. O fútbol profesional é intocable porque é popular, respóndeme Galeano dende as súas liñas escritas. E eu engado que, paradoxalmente, cada vez, se afasta máis dos seareiros.

Cando se fala dos soldos astronómicos de moitos futbolistas, a xente xustifícaos polo que xeran. Triste mentira se reparamos en como están as contas desas institucións. Números vermellos, débedas á facenda pública, desaparición de clubs, enxeñerías económicas e fiscais para seguir funcionando e tantas otras cousas. Sei que quizais non sexa xusto de vez. Sei que hai persoas honradas neste mundo coma en todas as partes, pero síntome estafado. Demasiado ruído para agochar malos costumes. Xa nin o balón é inocente. Sei que é impopular escribir isto pero debo facelo.

O fútbol continuará a súa marcha. Eu verei menos partidos, mais nunca deixarei de ler a Galeano.

Compartir el artículo

stats