O día 2 de abril celebramos o Día Internacional do Libro Infantil. A data coincide co nacemento de Hans Christian Andersen, o autor danés falecido no 1875 ao que lle debemos tantos contos clásicos que forman parte da memoria colectiva: O parrulo feo, O valente soldadiño de chumbo, A sereíña, A princesa e o chícharo, A raíña das neves, O traxe novo do emperador… As historias de Andersen inspiraron pezas de ballet e foron adaptadas ao teatro e ao cine. Traducidas a máis de 125 linguas, tamén poden lerse en galego. Edicións Xerais publicou no ano 1999 o volume Contos de Andersen, que recolle os máis emblemáticos contos do autor, traducidos ao galego por Xavier Rodríguez Baixeras. Tamén Kalandraka publicou diversos contos do danés. Máis recente é a edición Hans, de OQO Editora. Este volume ilustrado pola venezolana Susana Suniaga e escrito por Javier del Sastre é unha homenaxe a Andersen a través das súas historias máis coñecidas.
Contra o final da súa vida, Hans Christian Andersen foi recoñecido o mellor escritor vivo de Inglaterra. Malia ser un dos máis importantes autores de literatura infantil do mundo, sentía un especial rexeitamento polos máis pequenos. Hai quen se atreveu a afirmar que Andersen odiaba os nenos. Circulan todo tipo de historias arredor deste feito e é imposible saber cales son certas ao cen por cen e cales están deformadas polo paso do tempo e pola tendencia á fabulación dos seres humanos. Sobre todo, no que respecta a aspectos da vida das outras persoas. Hans Christian Andersen non era agraciado fisicamente: de extremidades desproporcionadas, pés enormes, nariz longo e carácter reservado, foi vítima das burlas doutros nenos. Máis non só: tamén do profesorado. Tiña grandes dificultades para ler e escribir e isto provocaba a mofa dos profesores cada vez que verbalizaba o seu soño de converterse en escritor. A día de hoxe barállase a teoría de que Andersen tiña un problema de dislexia, o que explicaría as dificultades que pasou na escola. Talvez por iso os seus contos son sinxelos e directos, sen a afectación propia da época vitoriana. Andersen chegou a describir a súa etapa escolar como o momento máis amargo de toda a súa vida. É probable que de aí viñese o seu rexeitamento polos nenos e nenas. De todas as curiosidades e anécdotas que lin sobre o autor, as miñas favoritas son dúas. A primeira, relata a ocasión na que uns pícaros lle regalaron unha caixa de bombóns. O escritor sospeitaba que aquel chocolate estaba envelenado. En lugar de rexeitar os bombóns, regaloulle a caixa ás súas sobriñas. Tras comprobar que non estaban envelenados, esixiu que llos devolvesen. A segunda anécdota ten que ver coa súa morte. Solicitoulle a un compositor que preparase unha marcha fúnebre para que soase o día do seu funeral, cunha petición moi concreta: era necesario que a marcha fose acaída para o paso infantil. Malia sentir fobia polos cativos, estaba completamente seguro de que infinidade de nenas e nenos asistirían ao seu funeral para despedilo.
Por certo: o galardón máis importante da literatura infantil e xuvenil é, precisamente, o Premio Hans Christian Andersen, que entrega a raíña de Dinamarca. É bianual e está considerado como o Nobel da Literatura Infantil. Honra a memoria do autor danés, mais tamén recoñece a grandes autoras e autores de literatura infantil e xuvenil que existen no mundo. A última premiada foi a norteamericana Jacqueline Woodson, na categoría de literatura, e a suiza Albertine, na categoría de ilustración. Na nómina de galardoados hai nomes como os de Astrid Lindgren, María Gripe, Ana María Machado, Gianni Rodari, Quentin Blake ou Maurice Sendak.