Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

QAnon, (e 2)

Donald Trump, durante un discurso no Capitolio

Donald Trump, durante un discurso no Capitolio FDV

Sendo presidente de Estados Unidos, Trump recibiu no despacho oval a Lionel Lebron, un dos principais teóricos de Qanon, e posaron xuntos nunha sesión fotográfica

Se leron o artigo anterior lembrarán que puxen sobre a mesa a QAnon, a teoría da conspiración da extrema dereita que naceu en Internet e que se popularizou nos últimos tempos. Entre outros argumentos, defenden que existe unha escura rede de pederastia na que están implicados políticos e artistas de diferentes eidos. Os seguidores de QAnon están convencidos de que Donald Trump loita en segredo contra esta organización. De feito, vaticinaron que estamos vivindo un proceso que terá o seu punto álxido coa “Tormenta”, cando Trump consiga restaurar a grandeza dos EE.UU desenmascarando e castigando a todas as persoas implicadas na suposta rede de pederastia. A este momento máximo de triunfo de Trump chámaselle Tormenta, porque no 2017, durante unha sesión fotográfica xunto a altos líderes militares, o expresidente fixo o seguinte comentario: “Vostedes saben o que representa isto? Talvez sexa a calma antes da tormenta.” O FBI advertiu que QAnon representa unha ameaza terrorista potencial. Mentres, a teoría da conspiración non deixa de medrar e deixarnos momentos para a Historia, como o recente asalto ao Capitolio. QAnon é o único grupo de extrema dereita implicado neste feito. Os Proud Boys, outra facción perigosa de extrema dereita, tamén estaban alí presentes. Un par de días antes deste suceso, o seu líder, Enrique Tarrio, foi arrestado por posesión de armas e por queimar nunha histórica igrexa negra unha bandeira co lema Black Lives Matter. Os Proud Boys defínense a si mesmos coma chovinistas occidentais. A realidade é que son misóxinos (na súa agrupación non está permitida a participación de mulleres), islamófobos, transfóbicos e racistas. Donald Trump agradeceu o apoio dos Proud Boys en varias ocasións. Despois arrepentiuse e rectificou, baixo a escusa de que os comentarios de apoio a este grupo foran un “lapso”. A realidade é que estas faccións radicais foron medrando alentadas polas mensaxes e chiscadelas que Donald Trump lles foi facendo chegar durante todos estes anos. QAnon convertéronse en asiduos dos seus mitins. De feito, sendo presidente dos EE.UU, Trump recibiu no Despacho Oval a Lionel Lebron, un dos principais teóricos de Qanon, e posaron xuntos nunha sesión fotográfica. O expresidente tamén declarou: “teño entendido que me queren moito e iso é algo que agradezo. Escoitei que esa xente ama ao noso país”.

Para algúns dos defensores de QAnon, formar parte desta teoría da conspiración é como participar nun videoxogo masivo de realidade compartida, con escenarios que mudan e narrativas intensas. Para eles, participar nos actos de QAnon é como xogar unha partida con diferentes misións a superar, desde o pizzagate ata o asalto ao Capitolio.

Coa toma de posesión de Biden, os seguidores de Qanon están desconcertados. Agardaban con ansia o momento da Tormenta, mais non viron cumpridas as súas expectativas. Algúns comentaron que fora bonito coñecerse e que esta experiencia servira para gozar e que chegara o momento de abandonar. Outros, traballan preparando novas conspiracións. Quizais alimentados polas últimas declaracións de Donald Trump, onde confesou que non descarta volverse presentar como candidato para presidir EE. UU.

Compartir el artículo

stats