Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O veleno da música

A da música en unha linguaxe universal FdV

Non abro a fiestra completamente. Chove. Vai vento e non é cuestión de mollarse. Vexo a rúa triste e abandonada. Está soando Letter to you, o último álbum de Bruce Springsteen. Magnífico. O “boss” decote deixando o seu selo de músico de moitos quilates, ademais de persoa comprometida coa sociedade. Pola mañá, escoitei algo completamente diferente: os duetos e cuartetos de corda de György Ligeti.

Un claro antagonismo e un exemplo da miña evolución dentro da audición musical. Ligeti é duro, difícil. Pero a súa música chégame moi adentro. Tiven que facer ese esforzo que se lles pide ás persoas para gozar da música, da literatura, do cinema ou da pintura. Un esforzo extra, profundo e obrigado para non anquilosarse e escoitar “máis do mesmo”. Un paso adiante, que non é unha negación das obras que escoitamos habitualmente, pero que abre camiños novos por onde transitar e descubrir sensacións agochadas que enriquecerán o noso espírito e serán fontes de pracer infinito. A música posúe un veleno nas notas que ningún antídoto pode contrarrestar. A música é algo transferible, que molla eidos ermos, que non precisa das palabras para delinear as nosas emocións. É positivo non quedarse unicamente no seu poder evocador que vencella as persoas a intres determinados das súas vidas. Que si, que é certo, pero hai que ir máis alá. Que tamén a música, como di unha personaxe da novela A contraluz, de Rachel Cusk “é unha delatora de segredos, que, alomenos, teñen a virtude de ser íntimos.” Porén é unha delación -engado eu- que sedimenta emocións, encadra sensiblidades, penetra no máis íntimo das persoas para estender un manto de sonoridade que cobre as feridas dunha sociedade abrupta, demasiadas veces oculta tras os símbolos do trivial. Unha delación que nos ispe nos intres que precisamos abrirnos para combater a soidade non procurada e achegarnos aos demais. Todos temos un xeito e un dereito de conservar a nosa irrenunciable reserva de liberdade. E a música é unha arte que nos proporciona os medios necesarios para que esa liberdade se nos presente cun rostro amable e sexamos quen de sentila preto. A música purifica. A música é un espello de sentimentos ocultos que desexan mostrarse de cando en vez.

Imagen de portada de A contraluz, de Rachel Cusk

Estaba eu nunha libraría remexendo nos andeis dos libros de música e a casualidade fixo que caese nas miñas mans un libro pouco habitual: Filosofía y consuelo de la música, de Ramón Andrés (Acantilado). Folleeino con curiosidade e axiña comprendín que era un volume excelso, no que o autor conversaba cos compositores do pasado para crear unha historia filosófica da música. E descubrín un texto fermoso do escritor búlgaro Elías Canetti no que afirmaba que “a música é o mellor consolo xa polo feito de que non crea palabras novas. Canto máis densamente estea poboada a Terra, máis imprescindible tería que ser a música” e segue afirmando que “debemos conservala coma unha reserva de liberdade poderosa e non influída deberá considerarse como a tarefa máis importante da vida espiritual futura”.

Así é a música: un auténtico consolo permanente diante de todo aquilo que nos abafa. Nos peores momentos de cada un, esas notas, esas palabras, esas melodías lévannos a mergullarnos nun universo espiritual (do espírito humano, claro) que nos dá acougo para ver as cousas dun xeito máis claro.

Amo a música dende que teño consciencia de persoa como tal. A música é un bálsamo. É calma. É enerxía. É aire sonoro, como dicía Busoni. A música é aloumiño, é descanso, é pracer. Mesmo é beleza na melancolía. Escribo con música, como con música, descanso con música. Iso si, non leo con música, porque preciso disociar ambos praceres para min tan imprescindibles.

Lembro que cando pasei do Academia Octavio ao Teucro, nos tempos nos que xogaba a balonmán, ao recibir a prima da fichaxe o primeiro que fixen foi mercar un equipo de música. Hoxe teño varios espallados por toda a casa.

Alguén dixo -coido que Bernstein, pero non estou seguro- que só hai dúas clases de música: a boa e a mala. E á boa música agárrome con paixón. Calquera xénero emocióname se entra en contacto coa miña fibra sensible. E vou dando pasos cara a diante na procura de praceres agochados na infinda oferta musical que existe. Unha singradura imparable.

Circula polas miñas veas o veleno que a música posúe e síntome moi feliz así, infectado polo poder dunha arte, tan variada como hipnótica. Un veleno que marca a miña obra literaria, de igual xeito que o fai o mar. Converteuse en algo intrínseco e case perturbador.

Chegado a este punto, abro a fiestra. Deixou de chover e unhas raiolas de sol asoman timidamente no ceo. No cuarto onde escribo está soando Both directions at once, ese álbum perdido do inmenso John Coltrane e o seu saxo enfeitízame unha vez máis.

Rock, música clásica, jazz…, o veleno marabilloso da música que non cesa.

Compartir el artículo

stats