Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un brinde polo 2021

Margaret Keenan, a primeira persoa en recibir a vacina Reuters

Este artigo é o último que escribirei no 2020, un ano que prometía redondo (nos seus inicios a xente falaba en ton desenfadado de que empezaban os “novos felices anos 20”), mais que rematou marcado pola pandemia. Este período pandémico por momentos tivo matices distópicos e levou por diante miles e miles de vidas. Non sabemos aínda cantas persoas máis van quedar no camiño. O que si sabemos é que o pasado 8 de decembro, Margaret Keenan fixo historia ao se converter na primeira persoa en recibir a vacina Pfizer contra o coronavirus. Foi entrañable ver a Margaret, unha muller a piques de cumprir 91 anos, ataviada cunha camiseta con motivos de nadal e as palabras Merry Christmas, e un sorriso cheo de esperanza. Foi vacinada no Hospital Universitario de Coventry e asegurou diante das cámaras sentirse unha privilexiada e afirmou que se ela, a piques de cumprir 91 anos, puido vacinarse, todo o mundo pode. Talvez a mellor mensaxe para os negacionistas, espontánea e directa.

La primera persona en recibir la vacuna de Pfizer: una mujer inglesa de 90 años que quiere pasar la Navidad con sus nietos

La primera persona en recibir la vacuna de Pfizer: una mujer inglesa de 90 años que quiere pasar la Navidad con sus nietos Vídeo: Agencia ATLAS | Foto: EFE

As palabras de Margaret fixéronme recapacitar sobre o que supón unha retrospectiva para unha muller da súa idade. Naceu no ano da Gran Depresión. Cando tiña 4 anos, Adolf Hitler foi nomeado Canciller de Alemaña. Viviu a II Guerra Mundial. De feito, Coventry, onde ela leva vivindo máis de 40 anos, foi unha das cidades máis castigadas polos alemáns, debido á importancia da súa industria armamentística. O 14 de novembro sufriu as consecuencias da Operación Sonata Claro de Lúa, unha ofensiva que, malia o poético do seu nome, foi a encarnación da destrución máis temida. Ás 19:00h. empezaron a soar as alarmas que alertaban de que os avións nazis estaban de camiño. A Luftwaffe bombardeou Coventry ata as dúas da madrugada, deixándoa destruída case por completo. Máis de 500 bombardeiros atacaron de xeito indiscriminado fábricas e casas. O cerebro da maquinaria propagandística do Tercer Reich, Joseph Goebbels, acuñou o termo “coventrizar” para referirse desde entón a ataques con similar capacidade de destrución. Un dos edificios arrasados polo bombardeo foi a catedral de Conventry. O seu teito caeu sen piedade sobre os bombeiros que estaban no seu interior tratando de sufocar o lume. As autoridades decidiron non reconstruír a catedral para non esquecer xamais o horror. E alí seguen as súas ruínas, coma unha testemuña silenciosa do que sucedeu naquela madrugada fatídica.

  • Lo más buscado en Google este 2020: Coronavirus, pan casero y mascarilla de tela

Margaret Keenan viviu o liderazgo de Churchill, a abdicación de Eduardo VIII de Inglaterra, a coroación de Jorge VI, a súa morte, a coroación de Isabel II, a Batalla de Inglaterra, as bombas atómicas, a fundación da UNESCO, as primeiras olimpíadas despois da Guerra Mundial, a Guerra Fría, o descubrimento da estrutura molecular do ADN, a inauguración da primeira central nuclear comercial do mundo, o primeiro concerto dos Rolling Stones e, agora, a vacina contra a COVID-19. Facendo balance e reflexionando arredor de todos estes momentos históricos, as declaracións que fixo para as cámaras cobran aínda maior entidade:

“Síntome tan privilexiada de ser a primeira persoa vacinada contra a COVID-19. É o mellor agasallo de aniversario, adiantado, e significa que finalmente poderei pasar tempo coa miña familia e os meus amigos en Aninovo, despois de estar practicamente soa todo o ano”.

Pregúntome quen será a primeira persoa galega en recibir a tan ansiada vacina. Mentres ese momento non chega, o único que podemos facer é celebrar este Nadal con precaución. Iso si: para o vindeiro, brindaremos por todo o alto. Felices Festas!

Compartir el artículo

stats