Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os oitenta e seis anos de Paco Ibáñez

El siempre combativo Paco Ibáñez

Non sei se abrir ou non a fiestra. Estou enfeitizado escoitando en música un fermoso poema de García Lorca: “Yo vuelvo por mis alas, / dejadme volver. / Quiero morirme siendo, / siendo amanecer. / Quiero morirme siendo, / siendo ayer…”

Canta Paco Ibáñez e emociona. Por fin decídome a abrir a fiestra. Talvez algún paxaro chíe a melodía polo ceo anubrado, acompañando o espléndido saxo de Gorka Benítez na canción. Non estaría mal.

Si, Paco Ibáñez cumpriu o día 20 deste mes oitenta e seis anos. E un segue abraiado pola vitalidade deste home irrepetible que non deixa de dicir en voz alta -a quen o queira escoitar- que as cancións serven para espertar conciencias, que non se pode deixar soa a xente porque devén durmida e remata anquilosándose

Paco Ibáñez EFE

Que lonxe lle quedan aqueles anos nos que coidaba as vacas, mentres lles cantaba cancións alá no País Vasco! Centremos a vida de Paco nesa infancia e adolescencia. Fillo dun ebanista republicano anarquista e dunha muller vasca ben sensible, a quen lle cantaba cancións de Jorge Negrete. O pai refuxiouse en Francia perdida a guerra -estivo preso nos campos de Saint Cyprien e de Argelès-, mentres a nai ficou en San Sebastián cos fillos. En 1948, a muller e os rapaces atravesan a fronteira clandestinamente para reunirse co pai en Perpignan. Fillo de perdedores da guerra, non quixo endexamais ser un perdedor da posguerra. Para Paco, o menor de catro irmáns, París foi o destino que cambiou a súa vida. Aprendeu a tocar a guitarra (el tocaba algo o violín) e descubriu a Brassens, para el o Bach da canción. Del aprendeu que, a través das cancións, se poden divulgar mensaxes moi fondas. Lembro cando me contou un encontro fortuíto con Neruda quen, tras escoitar a Paco, con esa voz pastosa que tiña, lle dixo:

“Ti tes que cantar os meus poemas. A túa voz está feita para cantar a miña poesía”

decoration

E ben que o fixo.

Paco Ibáñez, ademais de ser un artista de enorme magnitude, é un ser humano afectivo, coherente e insobornable. Ao longo dunha vida suxestiva, ao longo destes oitenta e seis anos nunca deixou de ser un atizador de conciencias, unha persoa que cre na maxia da boa poesía. El sabe que sen maxia non hai poesía. Gústalle que a canción sexa explosiva e directa. E, coma Brassens, pensa que paga a pena vivir por unha canción. A Paco non conseguiron calalo, nin compralo con premios ou distincións.

Rexeitou dúas veces a Medalla das Artes de Francia, pois sempre di que “un artista ten que ser libre nas ideas que pretende defender. Á primeira concesión, perdes a liberdade”. Para engadir deseguido que o único premio polo que devece son os aplausos do seu público: son todas esas persoas que respiran / respiramos coas súas cancións e que non esquecen que Paco é a voz dos poetas. É a voz coherente dos poetas, como coherente é a súa vida, sempre co pobo, coa humildade por bandeira. Paco Ibáñez é puro agarimo para todo aquel que se lle achega. Cada un dos seus xestos é un aloumiño de sensibilidade musical, poética e humana.

Pero non ten piedade cos fascismos. Detesta a extrema dereita. Considera que é inimiga da humanidade, e ao inimigo, nin auga. Paco Ibáñez coñece moi ben o inimigo. Sabe que nos quere roubar a alma, o corazón, a vida, a identidade e combáteo dende a música, dende a poesía na súa voz. Paco abomina de certas cousas (o imperialismo, o colonialismo lingüístico personificado no inglés, a privación de liberdade, o fútbol -que idiotiza-, a televisión…) e el canta para facer visible a súa indignación. Paco devece por acadar que a xente pense, sexa rebelde e loite por unha xustiza social que ninguén lle vai agasallar.

As cancións de Paco Ibáñez fannos sentir, como oíntes, o ritmo, a melodía, as palabras, os versos. Esas cancións provocan sentimentos intimamente líricos, porque é un trobador con alma de poeta. Vive o que canta, fai seus os poemas que musica. , como oíntesPosúe unha enorme sabedoría para que abrollen fermosos na súa voz. Unha voz enérxica e cálida, liberadora de palabras destinadas a sacudir a quen as escoite. Aos seus oitenta e seis anos Paco Ibáñez segue a encher teatros malia ser esquecido por boa parte da prensa. Pero el é incansable e continúa a conectar co público fiel que o adora, grazas á experiencia honesta e a unha mensaxe rica, directa e sen adornos. Sobria e sincera coma é el.

Parabéns, Paco, que cumpras mil anos e que sexas feliz.

Compartir el artículo

stats