Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mary a tifoide

O “caso Mary Mallon” na prensa norteamericana da época The New York American

Os pacientes asintomáticos, é dicir, aqueles que foron infectadas co coronavirus SARS-CoV-2 mais non chegan a presentar síntomas da enfermidade, son uns dos grandes protagonistas da pandemia que estamos a vivir, entendo que por dúas razóns básicas: porque representan unha elevadísima porcentaxe e porque son unha peza central na expansión do virus. Neste contexto cargado de cadeas de transmisión, políticos que falan de medidas de contención e, sobre todo, ducias de incógnitas, semella acaído lembrar a primeira persoa asintomática da Historia. Chamábase Mary Mallon e naceu no 1869, nunha Irlanda que aínda non lograra recuperarse da gran fame que castigara o país entre os anos 1845 e 1849, provocando a morte por inanición de, aproximadamente, un millón de persoas, e a emigración masiva doutro tanto. Mary Mallon, como o fixeran antes tantas persoas de Irlanda, tamén se verá obrigada a emigrar por unha cuestión de supervivencia. O seu destino foron os Estados Unidos, onde deixará un ronsel de misterio, contaxios e morte. Padecía febre tifoide, mais daquela ninguén o sabía. Nin sequera ela... Ou si?

O sanitario George Soper, con experiencia en enfermedades infecciosas, investigou a “trayectoria” da cociñeira

Mary Mallon aprendeu o oficio de cociñeira e empezou a traballar nunha cidade próxima a Nova York, na casa dunha familia de boa posición económica. Aos quince días de empezar no seu novo posto, os oito integrantes desa familia enfermaron de febre tifoide. Algo semellante sucedeu pouco tempo despois, noutra casa onde traballou Mallon, en Manhattan. E tamén na residencia dunha acomodada familia de Long Island. Aos poucos días de instalarse como cociñeira, os membros daquelas familias enfermaban e tiñan que ser hospitalizados. Mary ía propagando aquela enfermidade infecciosa a través dos pratos que cociñaba. Tan pronto as familias se contaxiaban, ela desaparecía, procuraba un novo destino e volta a empezar. Unha das cousas que chamou á atención das autoridades sanitarias da época en relación con eses repentinos gromos de febre tifoide, foi que os contaxiados non daban o perfil. A enfermidade adoitaba afectar a persoas que vivían en zonas marxinais, con grandes problemas de hixiene e salubridade. Distintas fontes afirman que unha tarde de marzo de 1907, Mary sufriu unha intensa persecución polas rúas de Manhattan. Mais a cociñeira non foi descuberta pola policía. O responsable foi George Soper, un sanitario con experiencia en enfermidades infecciosas que levaba tempo investigando. Para el fora decisivo que Mary abandonara o emprego na última casa onde traballara como cociñeira, xusto despois de que a familia enfermase. Empezou a tirar do fío e descubriu que nos últimos 5 anos houbera 22 casos de febre tifoide en barrios exquisitos de Nova York e que o elemento en común de todos eses casos era a cociñeira.

Mary foi trasladada á forza a un centro médico para extraerlle mostras que confirmaron a presenza da bacteria Salmonella typhi. Foi trasladada a un hospital emprazado na pequena illa de Riverside, onde permaneceu tres anos, primeiro confinada nun cuarto e logo nunha cabana anexa, onde lle subministraban alimentos que ela mesma cociñaba. Accederon a liberala do confinamento baixo a condición de que non volvese traballar de cociñeira. Mais a historia de Mary Mallon non remata aquí. Uns anos despois, no 1915, deuse un importante gromo de febre tifoide nun hospital de Manhattan. Enfermaron 25 persoas e faleceron 2. Unha investigación onde volveu estar presente George Soper, revelou que nas cociñas traballaba Mary Mallon, oculta baixo un nome falso. A cociñeira, fiel ao seu estilo, fuxiu, mais foi localizada polas autoridades, que decretaron o seu ingreso no centro médico da illa de Riverside. Alí permaneceu en corentena xunto co seu can durante 23 anos, nos que non recibiu nin unha soa visita, ata a súa morte, derivada dunha apoplexía. 

Compartir el artículo

stats