Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na man un farol

Nenos vestidos de cabazas, protagonistas do Samahin

Hai uns días escoitei como un home corrixía á súa muller por dicir Halloween. “Non é Halloween, é Samahin, unha celebración de orixe celta”, puntualizou el. Nos últimos anos hai unha certa tendencia a galeguizar o Halloween e poñerlle o nome de Samahin. Nenas e nenos disfrazados de monstros, chaman ás portas dos veciños e formulan a popular pregunta: truco ou trato? Casas decoradas con arañeiras, morcegos, e outros elementos que nos trasladan a un escenario de película de terror. O certo é que isto pouco ou nada ten que ver co Samahin, festividade celta que se celebraba desde o lusco fusco do 31 de outubro ata o do 1 de novembro. Simbolizaba a fin da época da colleita e a entrada do novo ano celta. A despedida do verán e de Lugh, o deus do sol. As leis da natureza mudaban por unas horas e os humanos podían visitar o Alén mundo e os defuntos podían viaxar ao mundo dos vivos, xa que as portas que comunican ambos mundos permanecen abertas durante esa noite máxica. Era habitual atopar viandas nas portas das casas, ao xeito de ofrendas para ter contentos aos malos espíritos. Parece que esa tradición derivou no actual “truco ou trato”, onde nenas e nenos visitan as casas na procura de larpeiradas.

A min atráeme especialmente o Día de Mortos que se celebra en México, unha das festas máis importantes do país, tradición que naceu na época precolombina. Celebran a lembranza das persoas que marcharon ao Alén (para eles é o Mictlán e Mictlantecuhtli, o señor da morte), con alegría, nunha festa chea de cores rechamantes. A morte non significa o final, senón o remate dun ciclo. México énchese de altares con ofrendas que representan a terra mediante froitas, o vento a través do papel, o lume cos cirios que nos lembran as ánimas e por último, a auga, nun recipiente para que calmen a sede eses espíritos que veñen de percorrer un longo camiño ata chegar ao seu altar. Outras ofrendas que se atopan nestas peculiares composicións son as caveiras de azucre, doces de cabaza, mezcal, tequila, un prato con sal ou unha cruz que sinala os catro puntos cardinais para que as ánimas poidan orientarse no seu camiño de ida e volta e non se perdan. Non podemos esquecer a Catrina, imaxe icónica creada por José Guadalupe Posada, considerado o pai do gravado mexicano: “la muerte es democrática ya que, a fin de cuentas, güera, morena, rica o pobre, todo el mundo acaba siendo calavera”, afirmaba Guadalupe nunha das súas composicións satíricas que se publicaban na véspera de defuntos baixo o nome de calaveritas. Á ilustración orixinal de Guadalupe é un gravado que representa unha caveira ataviada cun sombreiro de plumas, á moda europea de aquel entón. Orixinariamente chamábase “Caveira Garavanceira”, polos vendedores de garavanzos, que intentaban aparentar pertencer a unha clase social elevada e ocultar as súas raíces indíxenas A Catrina foi popularizada como símbolo da morte polo muralista Diego Rivera.

Gústame moito a relación entre as cabazas decoradas con caras terroríficas e a lenda irlandesa, exportada a EE UU, de Jack O’Lantern

Ledicia Costas

decoration

É inevitable falar das cabazas, tan presentes nas casas de todo o mundo durante esta época. Gústame moito a relación entre as cabazas decoradas con caras terroríficas e a lenda irlandesa, exportada a EE UU, de Jack O’Lantern ou Jack o do Farol. Jack era un granxeiro que conseguiu enganar o diaño, que tiña intención de roubarlle a alma por estafador, precisamente na noite do Samahin. O granxeiro logrou apresalo. A cambio da súa liberdade, o diaño prometeu deixalo tranquilo para sempre. Cando Jack morreu, foi rexeitado no ceo. No inferno, o diaño negouse a recibilo, condenándoo a vagar para sempre polos escuros camiños do purgatorio. Jack tan só fixo unha petición: unha luz para alumear o camiño. Daquela, o diaño entregoulle unha brasa. O granxeiro colleu un nabo que levaba no seu macuto, baleirouno e colocou dentro a brasa. 

A celebración gañou peso coa chegada de inmigrantes irlandeses a Estados Unidos. Pero neste novo destino non había nabos. O que si había eran grandes plantacións de cabazas. Desde entón, é habitual tallar caras terroríficas nas cabazas e colocar dentro un cirio. Cóntase que era tradición poñer esas cabazas nas fiestras das casas, para afastar malos espíritos. Non está demasiado clara a conexión entre Jack O`Lantern e Halloween. O que semella evidente é que ambos elementos acabaron por cruzarse nalgún momento. Este ano, as cabazas volverán ser protagonistas nas casas galegas. Na miña, tamén haberá unha catrina. Non esquezan as chulas, os ósos de santo, os panellets... E, sobre todo, gocen da festa en familia. Non perdan o sorriso.

Compartir el artículo

stats