Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As empresas do sector da xeotermia apostan polo selo de garantía Galicia Calidade

Presentación do "Manual de Climatización Xeotérmica". // G. C.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, o director de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, asistiron o pasado 15 de novembro en Santiago de Compostela á entrega dos certificados de Galicia Calidade a seis empresas do sector da xeotermia integradas na Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega): Clitecma (Rianxo), Enertra (Pontevedra), Novagal (Ames), Pansogal (Oleiros), Renovables del Atlántico (Nigrán) e Sondeos Nigrán (Nigrán).

O distintivo de Galicia Calidade foi entregado ás novas empresas certificadas nun acto con motivo da presentación da segunda edición do "Manual de Climatización Xeotérmica". A nova obra, elaborada polos profesionais de Acluxega coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pon en valor a importancia e a calidade do traballo das empresas que se adican á xeotermia en Galicia.

Galicia Calidade distingue deste xeito as instalacións de enerxía xeotérmica realizadas por empresas galegas integradas en Acluxega que cumpran os máis altos estándares de calidade, garantía, eficiencia e fiabilidade. O obxectivo desta certificación é xerar confianza, seguridade e satisfacción nos clientes e prescriptores sobre este tipo de enerxía, favorecendo o crecemento do sector.

Galicia posúe o 16,5% da potencia instalada de enerxía xeotérmica en toda España. Trátase dunha enerxía renovable que ofrece un fluxo constante de produción ao longo do ano, porque non depende de variacións estacionais.

A certificación de calidade desenvolvida por Acluxega e amparada por Galicia Calidade, permite dotar ás instalacións de climatización xeotérmica dun distintivo que garante o cumprimento duns estándares que superan os establecidos nas normativas vixentes.

Recentemente, a propia Asociación Clúster da Xeotermia Galega celebrou en Santiago de Compostela a xornada "A xeotermia e a calidade" co fin de promover e informar sobre as vantaxes de contar coa marca amparada por Galicia Calidade.

O recoñecemento certifica os produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima e o seu proceso de produción, cumpran os requisitos establecidos polo selo de distinción. Na actualidade a marca de garantía de Galicia suma máis de 400 produtos e servizos de máis de 125 empresas galegas.

Compartir el artículo

stats