A Praza do Corgo do Grove alberga mañá a gran festa da volta ao cole organizada polo centro comercial aberto De Tendas, onde os máis pequenos poderán gozar, de 16.00 a 20.00 horas, de inchables, xogos e mesmo un touro mecánico.

Ao longo do ano, o colectivo empresarial realiza diferentes propostas para dinamizar o comercio local e fidelizar aos clientes dos establecementos do centro comercial aberto, mais esta é a primeira vez que lles adica unha campaña exclusivamente aos cativos.

Desta vez, aproveitando a fin do verán e a volta ás actividades escolares, coas conseguintes compras de roupa, material escolar e libros, De Tendas quere premiar aos pais que mercan no comercio do Grove cun evento para os seus fillos, que será animado por Javi Solla.

A campaña de regreso ás aulas iniciouse o pasado 3 de setembro. Dende ese día, os establecementos do centro comercial aberto están a repartir entre os seus clientes vales-invitación para asistir á gran festa.

Un ano de campañas

A volta ao cole é unha das datas sinaladas que De Tendas e Emgrobes aproveitan para lanzar as súas campañas de fidelización e dinamización do comercio de proximidade. Unha das máis sinaladas é a de Nadal, durante a cal se reparten importantes premios en vales de compra valorados, en total, en máis de 2.000 euros. Durante esas datas, empresarios e comerciantes organizan ademais actividades para os nenos, co obxectivo de facilitar as compras aos seus proxenitores.

O Día dos Namorados, o Día do Pai ou o Día da Nai son tamén datas sinaladas para o comercio local. Durante as mesmas, os clientes dos establecementos da localidade poden resultar premiados con vales de compra e mesmo viaxes de lecer, estancias en balnearios e atractivos agasallos.

Por outra banda, e aproveitando a temporada estival, unha época na que O Grove aco-lle un importante número de turistas, lévase a cabo a feira de oportunidades Grovestock, que lles permite aos comercios locais desfacerse dos seus stocks de temporada para iniciar unha nova cos almacéns ben limpos.