Promove foi o estudo de arquitectura responsable do proxecto Centro de Negocios Lalín, no que se creou un edificio cuxa sinal de identidade non se limitase á estética, senón que destaca tamén pola súa funcionalidade, eficiencia enerxética e confort interior. Os técnicos directores do proxecto Aida Janeiro -arquitecta- e Pablo Dafonte -arquitecto técnico- que forman parte do estudo explícannos polo miúdo os detalles e singularidades deste proxecto.

-Cal foi o proceso para chegar a esta estética?

Sempre é necesario falar e escoitar ao cliente e traducir o que eles queren nun edificio. Aquí xogabamos con varios factores, tales como o emprazamento, o uso que se lle quería dar e o significado para o propio cliente. Sempre pensamos que a forma debía acompañar a estes conceptos e a partir de ahí empezamos a poñer ideas sobre a mesa. Un volume contundente, uso de materiais nobres, visibilidade, relación entre o público e o privado€ Esta foi a receita da que sae o edificio que aparece erguido na actualidade. A implicación do promotor ao longo de todo o proceso foi crucial, achegando ideas e participando na toma de decisións, tanto nos aspectos máis xerais como nos pequenos detalles, xa que ao ser tamén a empresa construtora, foron conscientes da importancia de conxugar o estético co construtivo.

-Por qué se optou por ese volume?

Como se explicaba antes, o edificio é unha solución á esixencia de varios factores. Un dos máis determinantes é o emprazamento. O edificio atópase na primeira parcela do polígono, é o primeiro que se ve ao acceder e queriamos que esa visión fose significativa e singular, que tivese carácter propio. Por outra banda, a orientación da parcela fixo que o volume fose tomando forma. Tentamos aproveitar o soleamento no inverno e evitalo no verán, por iso as xanelas están retranqueadas e protexidas, deixan entrar o sol no inverno e so a luz no verán. O acceso debía ser impoñente e buscamos unha entrada que chamase a atención, que convidase a entrar. Por iso, e mestura disto e da forma da parcela, decídese xerar ese soportal que recolle todo o edificio, que relaciona as duas plantas e que se encarga de gardar a relación entre o interior e o exterior. É importante remarcar que a diferenciación de materiais ten tamén o seu significado. A base é branca e lixeira, serve como sustento a un elemento contundente, unha caixa de pedra que alberga as oficinas do noso cliente, sendo a forma que as envolve a mesma que crea o acceso. Volvemos relacionar ahí o dentro e o fóra. Cada forma do edificio ten un sentido e un por qué.

-Que se quería conseguir co proxecto?

Unir estética, funcionalidade, confort e eficiencia. Xogar con todos os aspectos que estiveron ao noso alcance para crear un edificio que aúne todas as características anteriores, e co que o cliente se sinta identificado.

-En canto á eficiencia, que medidas foron tomadas para conseguilo?

Conseguir unha gran eficiencia enerxética era, sen dúbida, unha parte importante para o éxito do proxecto. Os nosos proxectos, e este en particular por ser un edificio de arquitectura contemporánea, non só buscan unha arquitectura limpa en canto ás súas liñas. Unha das premisas foi crear un edificio no que a eficiencia térmica sexa un dos alicerces fundamentais. Para iso decantámonos por un sistema de climatización de gran eficiencia, apoiándonos en enerxías renovables como a xeotermia. Tivéronse moi en conta durante o seu deseño outros factores como o soleamento, a xeometría e as formas do edificio, tipos e espesores de illamento, así como vidros con distintas prestacións dependendo da súa orientación.