Embutidos Lalinense é un bo exemplo de éxito empresarial galego. Este ano cumpre 7 décadas, desde a súa fundación en 1949.

Asentada no rural, esta empresa familiar soubo reinventarse para seguir coándose nos nosos fogares. O seu catálogo de produtos derivados do porco non deixou de medrar e de adaptarse aos gustos e necesidades dos consumidores. Frescos, salgados ou afumados, embutidos tradicionais como os chourizos (sen glute, nin lactosa) atados a man e afumados con leña de carballo, os xamóns, lacóns€ o catálogo da empresa lalinense foi medrando con outros alimentos gourmet que requiren un maior investimento en I+D+i como as conservas de lacón con grelos, o cocido, ou os chamados pratos de quinta gama como fiambres cocidos, pastel de lacón con grelos ou panceta rechea asada.

Embutidos Lalinense foi pioneira en presentar dous dos pratos máis representativos da gastronomía galega en formato conserva: o lacón con grelos e o cocido galego, polos que recibiu varios recoñecementos.

Pero como ofrecer dúas receitas tradicionais envasadas en conserva sen decepcionar aos consumidores? Utilizar ingredientes de extraordinaria calidade, varios anos de probas no seu departamento de I+D+i, e non engadir conservantes nin saborizantes artificiais foron a clave do éxito para que as conservas desta empresa galega, ademais de galardóns varios, se distribúan en todo o territorio nacional.

Centrados en ofrecer aos consumidor produtos máis saudables, con menos sal e graxas, Embutidos Lalinense é a única empresa galega que ofrece un lacón de porco 100% Duroc, cos consabidos beneficios desde o punto de vista nutricional e de sabor, ademais de elaborar fiambres de lacón cocido e lacón con grelos seguindo estes parámetros.

Os seus produtos poden atoparse tanto en cadeas de alimentación como en carnicerías, charcuterías e pequenas tendas principalmente de toda Galicia, pero tamén noutras cidades españolas como Madrid ou Barcelona.

Para conquistar Europa axudoulles o seu Kit Antimorriña, un paquete que inclúe cocido galego, chourizo extra, potaxe galega e un salchichón caseiro extra. Todo pode adquirirse a través da tenda on- line (www.embutidoslalinense.com). E bastan, como moito, 48 horas para que chegue a calquera fogar da península.

Próximos retos

Embutidos Lalinense é modelo de empresa familiar tamén no país veciño; por xeración de riqueza na súa contorna máis próxima, pola consecución de normas ISO relacionadas co medio ambiente e traxectoria consolidada, foi convidada para dar un relatorio no I Congreso Internacional para a revitalización do mundo rural que se celebrará no mes de outubro en Portugal (Arcos de Valdevez).

No mes de novembro participará como expositor no Salón Gourmet Etiqueta Negra en Pontevedra, presentando unha nova gama de produtos gourmet que, co nome de Amancio, rende homenaxe ao fundador da empresa. Unha boa ocasión para achegarse e degustar en primicia os novos produtos que ampara a nova marca desta consolidada empresa galega.