Non sería ata o ano 1975 cando se empezan a facer os carteis asinados por artistas. Nas ocasións anteriores, dende a primeira edición en 1969, este labor corría a cargo de imprentas. Como non podía ser doutro xeito, foi o internacionalmente recoñecido artista lalinense José Otero Abeledo “Laxeiro” quen aceptou abrir as portas a esta iniciativa, convertíndose hoxe en día nun dos elementos promocionais da Feira do Cocido de Lalín máis agardados. Sucasas, Virxilio, Paío, Fortes, Alicia Alonso, Santiago Valdés, Aymerich, Moldes, Paco Lareo, Antón Lamazares, Gloria Alonso, Armindo Salgueiro, Xabier Arias, Nicolás, Álvaro Negro, Moncho Borrajo, Fondevila, Macías, Quintana Martelo, Antón García Patiño, Jorge Castillo, Barreiro, Antón Pulido, Chelín, Vidal Souto, Pilar Taboada, Alexandro, Francisco López “Pichi”, ou Misha Bies Golas, foron outros artistas que plasmaron no cartel anunciador da cita gastronómica a súa particular visión da mesma, polo xeral, co porco como principal protagonista.

Xa na edición de 1993, coincidindo coas vodas de prata, Laxeiro elabora o deseño do cartel da XXV Feira do Cocido de Lalín. Entre medias, en 1977, Virxilio quixo render homenaxe ao pintor lalinense máis universal cunha obra inspirada na etapa figurativa do artista.

Para pechar o círculo, qué mellor maneira de chegar ao 50 aniversario do evento que sendo anunciado cunha creación de Laxeiro, unha obra abstracta sen título pertencente á súa etapa máis informalista e que forma parte da colección permanente exposta nas instalacións da Fundación Laxeiro de Vigo. Deste xeito, o xenio de Donramiro convírtese no segundo artista que máis veces promocionou a Feira do Cocido coa súa pintura, somentes superado por Sucasas, quen o fixera en catro ocasións.

A presentación do cartel tivo lugar ao carón da estatua do artista lalinense no Museo Municipal Ramón Aller, e correu a cargo do alcalde Rafael Cuíña, o presidente da Fundación Laxeiro, e neto do artista, Carlos García-Suárez Otero, e dous membros da Peña do Porco, Santiago Seijas e Félix Díaz, dous dos artífices da primeira Feira do Cocido.