A Feira do Cocido de Lalín celebra mañá o seu 50 aniversario. Cando en 1968 os alcaldes dos seis concellos de Deza -Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces- se xuntaban na procura dunha estratexia de difusión e comercialización dos produtos vencellados coa gastronomía típica da comarca, nada facía pensar na repercusión que acadaría unha cita gastronómica que, co tempo, chegou a converterse nunha das máis importantes do país. Declarada Festa de Interese Turístico Nacional no ano 2010, a Feira do Cocido de Lalín contempla na súa programación multitude de iniciativas e actividades que dan comezo case un mes antes do día grande - o domingo anterior ao Entroido-. Baixo a lenda “de San Amaro a San Valentín, mes do Cocido en Lalín”, todo aquel que o desexe pode achegarse a terras dezás para degustar o prato rei da gastronomía galega nos mellores restaurantes da vila. Todos os establecementos adheridos a esta iniciativa -un total de 25- están suxeitos ao Selo de Calidade do Cocido de Lalín, un elemento que busca preservar e garantir os valores e a calidade do prato, e que a experiencia de degustalo poida ser o máis agradable e saborosa posible para os comensais. Como ven sendo habitual, todos os que degusten o Cocido de Lalín nos restaurantes da localidade serán agasallados cun pin conmemorativo, un dos elementos máis importantes dentro da promoción da feira. Para esta ocasión tan especial, o Concello convocou un concurso de debuxo para que foran os escolares de Lalín os encargados de definir o deseño. A proposta gañadora foi a da nena María Pichel, alumna de sexto de primaria do CEIP Xesús Golmar.

Dentro do marco da Feira do Cocido, a programación deseñada polo Concello contempla unha longa lista de actividades culturais, deportivas e musicais, que enchen de citas coa capital de Deza os primeiros meses do calendario. Charlas e conferencias, exposicións, concertos, festivais de títeres, proxeccións, xornadas gastronómicas, e moitos outros eventos que conforman un amplo abanico de ofertas de lecer para converter Lalín nun fervedoiro de xente non so durante a xornada de mañá, senón ao longo de numerosas xornadas.

Algunhas das actividades máis destacadas dentro desta promoción son o food truck do Cocido en Ruta polas localidades de Tui, Moaña, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Ponferrada e Santiago de Compostela; a Matanza Tradicional do Porco, organizada nesta ocasión pola parroquia de Moneixas; o Cocido Miúdo, que tivo lugar a pasada fin de semana; a inauguración da exposición VIII EmporcArte no Museo Municipal Ramón Aller e o Cocido das Artes o vindeiro sábado; eventos deportivos como o Rali do Cocido, que terá lugar o 16 e 17 de marzo e que este ano será puntuable para o campionato de España por primeira vez; ou o Cocido do Orgullo -este ano pasará a chamarse Orgullo de Lalín-, que acadará este ano a súa terceira edición, o vindeiro 4 e 5 de maio.

Carpa Mahou

O epicentro das actividades da L Feira do Cocido será a Carpa Mahou, sita no campo da feira. Ademáis das 36 firmas alimentarias e de artesanía que acollerá mañá, esta infraestructura foi o esceario a pasada fin de semana do Cocido Miúdo, un certame que congrega varias actividades orientadas aos máis cativos e que nesta ocasión superou todas as expectativas. O recinto encheuse de familias con nenos que non quixeron perderse as actuacións musicais de Paco Nogueiras, María Fumaça e Pequena Grande Orquestra. Tamén houbo talleres, xogos e animación organizados por CastroDeza, con Espazo de Xogo e Espazo Terra.

A maiores das actividades organizadas polo Concello de Lalín, numerosos colectivos e grupos de amigos levan anos organizando xuntanzas nas que comparten mesa e mantel en torno ao prato estrela da nosa gastronomía, o Cocido.