A histoia da ONG Da Man comeza hai oito anos cando un grupo de persoas que traballaban nos campamentos saharauís tiveron que abandonar a zona por causas alleas a eles. Informados por fontes coñecedoras da África Occidental, decidiron facer unha análise das necesidades ás que se enfrontaba naquel momento o pobo de Senegal. Non tardaron en atopar a complicidade do Ministerio de Saúde senegalés, que deseguido os enviou á provincia de Kédougou, onde traballaron ata que os botaron outras ONGs de maior cobertura mediática.

Foi así como descubriron Touba Merina, un pequeno poboado do centro de Senegal onde a precariedade é tan grande como o deserto que os rodea. "Na rexión atopamos centros de saúde horriblemente equipados, matronas que practicaban a ablación e moitísimas patoloxías, sobre todo a desnutrición e a anemia, dous factores especialmente perigosos para os máis pequenos e para as mulleres embarazadas", conta Pilar Martínez, directora desta ONG afincada en Vigo.

A través das reunións cos xefes dos poboados e da procura de solucións de maneira conxunta, xa son moitos os avances que promoveron nesta rexión, como informar ás matronas para deter ablacións ou promover o uso de sistemas anticonceptivos como o DIU. Isto mesmo facilitou que, ante a negativa á utilización de preservativos, moitas mulleres xa con fillos ou con calquera problema puidesen ter acceso gratuíto a este sistema que "incluso está sendo aceptado polos homes".

Ademais de seguir traballando na escola que construíron e noutros proxectos como o obradoiro de costura para nenas, na última expedición, que fixeron en marzo, contaron co apoio de dúas oftalmólogas que viaxaron para operar a máis de 70 persoas que tiñan cegera producida por cataratas.