A hisotria de Galicia non se pode entender sen botar unha ollada cara o sector artesán e cara a importancia fundamental que tivo na economía da nosa terra durante tantos séculos.

A Asociación Galega de Artesáns adícase, sobre todo, a promocionar a artesanía en Galicia e levan dende 1983 funcionando de xeito activo e cunha oficina aberta na Coruña. Arredor de 200 son os obraidoros asociados que poden chegar a abranguer uns 500 traballadores e traballadoras. O seu funcionamento foi esencial para promover a Lei de Artesanía de Galicia en 1992, que creou o marco de regulamento da artesanía, alicerce do Centro Galego da Artesanía e do Deseño que, baixo titularidade pública, xestiona as actividades, as axudas e os interese do sector.

Todo elo tradúcese en accións concretas: organizan feiras; proporcionan información a potenciais clientes; promoven encon profesionais; propoñen accións de desenvolvemento ás distintas administracións; e asesoran aos socios sobre todo tipo de xestión.

Artesanía na era dixital

Na actualidade, os retos que se lle plantexan a este sector para manterse en pé son diferentes. Unha vez pasados todos os procesos de industrialización do século pasado, aínda quedan sobreviventes. Malia que a relación histórica da artesanía e as novas tecnoloxías foi antagónica, os negocios que souberon e conseguiron afrontala manteñen agora unha convivencia sa, ou polo menos así o explica Manuel González, presidente da Asociación Galega de Artesáns, que pon como exemplo a sinatura dixital das gaitas Seivane. Esta famosa casa utiliza os avances tecnolóxicos para deixar a rúbrica nas súas pezas: unha maneira de adaptar a artesanía á modernidade sen perder a esencia propia do oficio de lutier.

Outro exemplo de convivencia puidera ser o deseño de maquetas, planos ou calquera outro traballo de precisión previo aos procesos puramente artesáns e que non fixeron máis que mellorar e perfeccionar as obras.

"Dende logo hai unha relación amistosa, pero segue habendo obradoiros nos que a electricidade úsase só para alumar e para nada máis", explica Manuel González, coa pretensión de facer visibles os contrastes entre os negocios que seguen funcionando: uns incorporando nalgún proceso produtivo a dixitalización e outros mantendo a mesma filosofía que herdaron co oficio.

É por iso que o presidente da AGA fai fincapé en que a prosperidade destes negocios tradicionais é independente das diferentes disciplinas. Afirma que é un factor eminentemente persoal, no que a capacidade de adaptación ás novas esixencias dos públicos é un factor chave.

O exemplo máis claro é o caso de Elena Ferro, que co seu obradoiro de zocos de máis de cen anos de antigüidade segue medrando e exportando este calzado tan enxebre a lugares como o País Vasco, Barcelona, Alemaña, os Estados Unidos ou Nova Zelanda.

O factor que se debera ter en conta para entender este mercado é o tipo de uso dos produtos: decorativo, que tende a minimizar o consumo, ou utilitario, como o caso de Isabel Neira, que se adaptou e agora elabora co seu torno pratos de madeira para a alta cociña.