Quedamos con Loli Acuña no seu piso de Teis, un quinto sen ascensor cunhas escaleiras que deixan case sen folgos á xornalista pero que esta viguesa de 84 anos sube e baixa a diario para facer a compra, saír a tomar o café coas amigas ou gozar das distintas actividades nas que participa nas Aulas da Terceira Idade de Vigo.

Ao pouco chega a súa neta, Sonia Presas, acompañada pola súa cadela Ghaita, unha fermosa galga que non lle quita ollo e que será testemuña do debate que durante a vindeira hora manterán as dúas mulleres sobre aquelas vivencias que as unen e as separan.

-Vedes moitas diferenzas entre as vosas infancias?

Loli: Eu nacín en Vigo, na rúa Felipe Sánchez [hoxe Areal], o 21 de xullo de 1933. Daquela, a cidade era completamente distinta ao que é agora e tamén as nosas vidas. As nenas criabámonos como podiamos, aínda que eu fun a boas escolas. E xogabamos na rúa, á mariquitilla, saltando á comba... Agora, as nenas teñen outras actividades: saen do colexio e van a natación, baile...

Sonia: Eu vexo diferenzas pero non creo que sexan tantas. Por cultura e por contexto si, pero si que xogabamos, non na rúa do mesmo xeito que o facían elas, porque xa non había esa vida de barrio na cidade, pero si nos patios, nos parques... Meus pais propiciábano e, a parte, nós temos a sorte de ter o pobo, no que había moitísima máis liberdade da que podía haber na cidade e onde si que podiamos saír xogar cos veciños, andar coas bicis...

-Como foi a vosa mocidade?

Loli: Á idade de Sonia, eu estaba viúva e con dous fillos. Casei moi moza, con 22 anos. E naquela época iamos ao paseo cos noivos, ao baile -aínda que eu pouco bailei porque non me deixaban-, ao cine... Todos xuntos en pandilla. Ela agora di que marcha de viaxe e marcha. Nós daquela non podiamos facer iso. Estabamos máis retraídas, non nos deixaban.

Sonia: Porque a sociedade vai avanzando, a dios grazas.

Loli: Tiñamos que estar a unha hora determinada na casa. Por exemplo, no verán podiamos chegar ás dez da noite porque aínda era de día, pero no inverno, ás oito e media da tarde xa tiñamos que estar na casa.

Sonia: Con quince, eu tamén tiña hora de chegada. Non eran as dez da noite, eran as dúas da mañá. Pero hora tiña!

-Ti estudaches, Loli?

Loli: Estudei dous anos na que daquela se chamaba Escola de Comercio e mecanografía e taquigrafía na Academia Victoria, que fai pouco que desapareceu. E despois traballei nun comercio que había na calle do Príncipe, Almacenes Bravo. Sonia si que estudou xa unha carreira.

Sonia: Fixen primeiro o ciclo superior de Integración Social e logo Educación Especial e o máster.

-O feito de que estudaras e traballaras, era común daquela?

Loli: Daquela, aló polo ano 47, traballábase bastante. Moitas das rapazas da miña idade estaban empregadas en comercios, coma min, como modistas... Pero ao casar, poucas eran as que seguían a traballar. Tiñamos que quedar na casa, aturar aos fillos que viñeran...

Sonia: Aturar, esa é a palabra (risos).

-A túa xeración, Sonia, si que ten máis liberdade de elección.

Sonia: Máis liberdade temos, pero a xente coma min, que non estamos a favor do matrimonio nin desta vida de familia e fillos, segue a sentir esa presión social de "se te pasa el arroz". Eu teño 34 anos e estou nesa fase de "aínda estás a tempo". Claro que hai mulleres que queren ser nais, pero eu dende moi nova dixen que nunca quería ter fillos e aínda así seguen a dicirme iso de "xa te chegará o momento".

-Cales pensas que son as maiores dificultades ás que se ten que enfrontar a xeración de Sonia?

Loli: Coido que o traballo; o non ter un traballo fixo que lles dea esa seguridade que si tiñamos a miña xeración.

Sonia: En todos os sectores está complicado, pero no eido social en concreto, no que eu subsisto, malvivo, polo que ando, é todo moi difícil: hai moito intrusismo laboral, chanchullos moi grandes, moitos ocos legais cos que xogan...

Loli: Tamén houbo moitas persoas na miña época que tiveron que marchar á emigración, primeiro a América e logo a Europa. Eu marchei a Inglaterra, pero xa cando estaba viúva e tiña dous fillos. Ela estivo tamén pero foi coñecer Inglaterra, eu fun traballar (risos).

-Tiveches que enfrontarte á viuvez moi moza.

Loli: Aos 29 anos. Miña rapaza tiña 7 anos e o neno, 4. Paseino moi mal porque era algo co que non contaba, xa que o meu marido morreu nun accidente. As pensións daquela eran moi pequenas e dábancha ao mellor dous meses despois de morrer teu home. E eses meses estabas bloqueada, non sabías o que ías facer porque non tiñas cartos. Enfronteime a unha viuvez moi mala. Logo tiven que marchar a Inglaterra porque estaba bastante empeñada, quería que meus fillos estudaran, e custoume un pouco.

Sonia: Marchaches porque estaba alí túa irmá.

Loli: Iso é. Estiven tres anos pero os fillos estaban aquí e non tiven máis remedio que volver. Traballei moito, saín do pozo e vinme para acá. Pero o principio foi moi duro.

-Que diferenzas atopades dende o punto de vista político? Tendo en conta, ademais, que ti, Loli, viviches a guerra e a posguerra.

Loli: Eu recordo as mortes cando a guerra. Era moi pequena pero lembro que na rúa de Santiago, onde me criei, vía as camionetas que pasaban cos homes mortos. Tamén lembro á leiteira de miña avoa, que viña de Beade, e dicíalle: "Señora Dolores, hoxe mirei dous na cuneta". Por política, íanche buscar a casa e non volvías aparecer. Iso é o que eu reprocho sempre, que por política houbo mortes que nunca tivo que haber.

Sonia: Nós non vivimos a guerra pero si que actualmente hai xente que está encerrada pola súa ideoloxía política, por manifestarse e non calarse. Estamos vendo que manifestarse na rúa xa se concibe coma un acto de rebeldía e pode ter consecuencias e como nos últimos anos, queren calarnos en todo, e se non calarnos, si distraernos. Coido que hai unha regresión dende o punto de vista das liberdades e unha política do medo que se estende a todos os eidos, tamén ao laboral, onde calas e tragas para non quedar sen nada.

-Como mulleres, vedes grandes cambios na sociedade?

Sonia: O cambio é moi grande e temos máis dereitos, que dúbida cabe. Pero tamén é certo que agora o traballo é dobre: a muller leva traballando dende sempre, aínda que de forma non remunerada. E a este traballo se lle suma o de fóra da casa. Tampouco ten cambiado a estrutura patriarcal. Penso que antes sentían máis a presión dentro da casa; agora a presión é social. Na miña casa, na que hai homes e mulleres, hai unha horizontalidade no trato, pero si que segue a haber pequenos xestos, precisamente por esa cultura e esa educación patriarcal que recibiron meus pais e que, entre comiñas, tamén recibín eu, aínda que si penso que o fixeron máis ou menos ben.

-Como ves a xeración da túa avoa? Pensas que valoramos dabondo aos maiores?

Sonia: Hai xente da nosa quinta que os respecta e os valora e outra que non tanto. Eu, por exemplo, son do mundo tradi, e no mundo tradi escoitamos á xente maior porque é a que nos aprende. Tamén é certo que hai maiores que non se merecen o respecto, por moitos anos que teñan.

Por outra banda, penso que cada vez hai máis ocio e recursos para eles. Aínda que, como traballadora no social, si que teño que facer fincapé neses maiores que quedan viúvos, con pensións moi baixiñas, e están a vivir en situacións moi precarias porque cando chegan a ese momento de dependencia, as institucións non os amparan. Se non hai un familiar, ou moitas veces mesmo habendo familiares, necesítase o amparo das institucións, esa axuda externa, aparte do núcleo familiar, cando a economía non é moi alta.

A miña avoa, por sorte, ten un alugueiro económico e coa súa pensión pode subsistir perfectamente.

Loli: Eu non é que teña unha pensión moi alta, pero para vivir si que me da.

Sonia: A túa pensión non é moi alta pero vives nun piso de renda antiga. Se tiveras que pagar un alugueiro alto como moita xente da túa idade, coa pensión terías que facer virguerías para non comer arroz a diario. Agora pódeste permitir ir a tomar café todos os días, ir a coro, teatro... Tes opcións de ocio porque non tes que pagar un alugueiro de 400 euros, os gastos da casa, a comida... Coa túa pensión non poderías facer nada diso.

Loli: É certo.

-A xeración da túa avoa ten visto moitísimos cambios, sobre todo dende o punto de vista da tecnoloxía, nun período relativamente curto de tempo. Vela adaptada a estes cambios?

Sonia: Ten móbil e sabe collelo e descolgalo (risos). E non sabe máis máis porque non lle da a gana, porque se é capaz de memorizar vinte minutos dun monólogo teatral, pode aprender a buscar algo en internet dándolle ás teclas. Pero como non o necesita, pois non lle interesa.

Loli: A min danme un guión para estudar unha obra de teatro pero non me poñas o ordenador aí enriba, que me aburre (risos).