Salvaterra de Miño entregou no concello os seus décimo quintos premios de Educación ao alumnado con mellor expediente neste atípico curso escolar 2019-2020.

A alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, incidiu en que o propósito destes galardóns é fomentar o esforzo e o traballo diario entre os alumnos e alumnas dos centros educativos de Salvaterra, premiando a excelencia académica, e que este ano se adaptaron as novas circunstancias xeradas pola aparición do COVID-19, frustrando as tres viaxes ao Reino Unido para aprender inglés que tiveron que ser substituídas por equipos informáticos con cursos de inglés online.

A rexedora e representantes das direccións dos distintos centros educativos de Salvaterra entregaron 14 lotes informáticos compostos por unha tableta, funda, powerbank portátil e tarxeta de memoria, valorados en máis de 300€ cada premio. Ademais de tres premios formados por un lote de equipos informáticos compostos por un ordenador portátil, tableta, impresora e un curso de inglés online de conversación, valorados cada un en máis de 1.700 euros€.

Na primeira quenda fíxose entrega dos premios aos alumnos e alumnas de primaria do CEP Carlos Casares de Alxén, do CEIP de Leirado e do CEIP Infante Felipe de Borbón. Os premiados foron Laura Ojea, Gema Baz, Xabier Rodríguez, Xurxo Rodríguez, Ivana Garcia, Antía Pino, Marcela Lorenzo, James Pinnock e Laura Millán.

Na segunda quenda tocoulle o turno aos alumnos e alumnas do IES Salvaterra, os premios repartíronse entre cuarto da ESO, Ciclo Medio de Soldadura e Caldeirería, FP Básica de Carpintería e Moble e segundo de Bacharelato.

Os premiados foron Aroa Domínguez, Xerome Silva, Icía Domínguez, Jesús Domínguez, Diego Domínguez, Laura María Cadilla, Alex Rodríguez e Alba Presa.