A Agrupación de Voluntari@s de Protección Civil de Salceda foi o colectivo escollido este ano para dar o pistoletazo de saída ás Festas do Cristo da localidade nesta edición especial marcada pola pandemia do coronavirus. A cita será esta mesma noite, ás 22.00 horas no balcón da Casa da Cultura Castelao, onde os integrantes de Protección Civil serán os encargados de disparar o xa tradicional "estourazo", que neste 2020 chega á súa décimo primeira edición.

A Agrupación de Voluntari@s de Protección Civil foi elexida polo equipo de goberno en recoñecemento ao seu labor desinteresado ao longo de tantos anos en eventos e emerxencias de Salceda e arredores, pero sobre todo polo inmenso traballo que a agrupación realizou durante o estado de alarma, fundamentalmente no momento do confinamento máis estrito, con innumerables horas de traballo dedicadas ao servizo público durante todo o ano, pero especialmente nestes momentos.

Realizaron tarefas de apoio ás persoas máis vulnerables e de limpeza e desinfección de espazos e mobiliario público; ademais aproveitaban as súas saídas para dar mensaxes de ánimo á poboación e facer máis amena a estancia nas casas, con multitude de solicitudes da veciñanza para que felicitasen aos máis cativos que cumprían anos durante o confinamento. Compra de menciñas para as persoas de risco, compra de alimentos ou entrega de deberes e material escolar son só outros moitos dos exemplos das tarefas realizadas por este colectivo nestes últimos meses, aos que hai que engadirlles as accións que seguen executando durante todo o ano, como retirada de árbores caídas, asistencia en accidentes, apoio en eventos e un longo etcétera.

Recoñecemento

O "estourazo" serve cada ano para marcar o inicio das Festas do Cristo de Salceda. A cita supón un recoñecemento á traxectoria de asociacións e colectivos do municipio que teñan destacado no ano en curso, e por ela xa levan pasado asociacións e colectivos culturais, deportivos, sociais, sanitarios€ e aínda que este sexa un ano especial no que non se celebrarán as tradicionais verbenas na Praza do Concello, si que se manterá parte da actividade cultural das festas, como o mencionado "estourazo", que de novo estará acompañado, como ven sendo tradición, pola Agrupación Gaiteira de Salceda.

"A homenaxe deste ano era obrigada para o grupo de Protección Civil. O traballo voluntario deste grupo de persoas resultou fundamental durante a época máis dura do confinamento, e segue a ser imprescindible hoxe en día. Nunhas festas especiais e diferentes como as deste ano, queremos agradecer este inmenso traballo, co convencemento de que a veciñanza se unirá a esta máis que merecida homenaxe", sinalou a alcaldesa Loli Castiñeira.

Verán Cultural

O Covid-19 fixo que en Salceda a programación do Verán Cultural se reducise a unha semana, a esta que está a piques de rematar. Así, os actos concéntranse do luns 13 ao luns 20 na Praza do Concello, por ser un lugar amplo e con posibilidade de acoutamento de espazo para o público, algo que resulta imprescindible para poder manter as medidas de seguridade.

Para hoxe está programado ás 20.00 horas desfile da Agrupación Gaiteira de Salceda polas rúas da Esfarrapada e ás 22.00 XI Estourazo. Mañá domingo, ás 11.45 horas terá lugar o IX Acto Cívico Salcedenses Distinguidas/os, acompañado polo Ensemble de frautas, oboe e contrabaixo da Banda Cultural de Salceda; ás 12.45 horas misa solemne na honra ao Cristo das Angurias na Praza do Concello e ás 21.00 horas actuación dos ensembles de saxofóns e de clarinetes da Banda Cultural de Salceda. Xa o luns, ás 21.00 horas, será a quenda do Ensemble de Percusión e da Brass Band da Banda Cultural de Salceda, e xusto antes e despois, pasarrúas, actuación e desfile da Turre's Band.

Con todo, o Concello anunciou xa unha segunda parte da programación cultural no mes de setembro, que comezará coa Festa dos Callos, que tamén se celebrará dun xeito adaptado á situación actual, e que continuará coa denominada "Noite violeta", dedicada á igualdade con concertos, obradoiros e outras actividades, que se enmarca dentro das iniciativas do II Plan de Igualdade do Concello de Salceda.