Ponteareas implanta cambios en 14 rúas do centro urbano para facelo máis seguro e cómodo para os peóns, á vez que reduce o número de coches que circulan polo centro causando contaminación no corazón da vila.

A Concellería de Tráfico e Mobilidade deseñou novas normas para A Braña, Praza da Perillana, Doutor Fernández Vega, República Arxentina, Esperanza, Baratillo, Castiñeira, A Minada e Virxe da Luz.

A previsión é ampliar as beirarrúas mediante o pintado sobre a calzada, a eliminación do dobre sentido de circulación, a peonalización completa dalgunhas rúas, a mellora da seguridade nos pasos de peóns e a dotación de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida e para motocicletas e bicicletas.As actuacións faranse fundamentalmente mediante sinalización horizontal e o uso de elementos como maceteiros.

As rúas A Braña, Fernández Vega e Virxe da Luz pasarán a ser de sentido único, Castiñeira muda o seu sentido de circulación en dirección a Avenida de Castelao e A Minada cambia o seu sentido actual.

Entre as medidas para potenciar os desprazamentos a pé e en bici saliéntanse a peonalización da rúa República Arxentina e a semipeonalización dun tramo de Fernández Vega ademais de completar a de Esperanza até os Ferreiros. Na mesma liña, a rúa perimetral da Praza da Perillana queda libre de circulación de vehículos e se converte nunha ciclovía. Tamén se prevé peonalizar o tramo da rúa do Baratillo entre Doutor Fernández Vega e a fonte. Esta actuación implementarase cando se abra ao tráfico a rúa San Roque e servirá, entre outras cousas, para protexer a fonte na que baten con frecuencia vehículos. Nas zonas peonalizadas garantirase o acceso a garaxes e nalgúns casos a circulación de taxis e a carga e descarga.

Próximas rúas

O Concello xa ten ultimada unha nova fase de actuacións que se fará nas rúas Carballos, Castañal, Orotava, Pedra Pequena e Paseo Matutino.