Na nova normalidade hai tempo tamén para o lecer. A cultura reivindica o seu espazo nesta era post- covid e así, pouco a pouco, concertos e espectáculos van tendo cabida na programación estival dos concellos da bisbarra. Nigrán é un dos municipios que acolle este mes de xullo tres festivais de música, por unha banda mantén os xa coñecidos Vive Nigrán e NigranJazz e, por outra banda, estreou o ciclo Sona Gaifar que celebrará unha segunda xornada o vindeiro mes.

Aforo reducido e limitado, medidas de hixiene e seguridade como os dispensadores de xel hidroalcólico e sinais informativas sobre o uso de máscara de protección, son as novidades deste tipo de eventos que, en todo caso, nesta ocasión tampouco se botaba de menos a pista de baile. "Trátase dun ciclo de escoita musical, música para escoitar máis que para bailar", puntualiza dende a organización Viktor Flores, quen tamén actuará o 14 de agosto xunto a José González e Dll Outro.

Así, as máis de 200 persoas asistentes (nunca concorrentes ao mesmo tempo) distribuíronse en cadeiras e mesas, para desfrutar nun escenario inigualable, o espazo Dunas de Gaifar de Panxón, dunha selección de artistas novos pero de gran proxección nacional e internacional. A actuación en vivo chegou da man de Belém Tajes, cantante e compositora, teclado e voces do proxecto Vudú e anteriormente en outras formacións, coma os míticos Lúar na Lubre. A súa proposta parte de letras chegadas da música tradicional galega con harmonías fundamentalmente Soul e R&B, música íntima. No apartado de DJ's e selectores musicais, abriu a sesión a viguesa Akazie, con herdanza musical latina e influenciada polo jazz e o hip hop, mestura un espectro sonoro baseado na electrónica percusiva con influencias da música africana, lusófona ou árabe. Tamén estivo Fon Kid, un dos DJ's máis respectados e experimentados de Galicia no eido da música disco e de raíz negra (funk e soul). E os irmáns Yugen Kala foron os encargados de pechar a xornada, quen con tan só 16 anos veñen de editar un dos discos de música electrónica máis sorprendentes e mellor valorados pola crítica nacional e internacional deste 2020.

NigranJazz, do 22 ao 25

O Concello de Nigrán mantén neste xullo de 2020 as súas sinais de identidade: a aposta pola música en directo a través do seu festival máis antigo, o Nigranjazz, que se celebra do 22 ao 25, e o máis recente, o Vive Nigrán, que está a ter lugar estes días. Co fin de adaptarse ás medidas de prevención fronte ao Covid-19, Nigranjazz multiplica a súa duración e o número de escenarios para poder chegar a todos os interesados. O Concello aposta nesta décimo cuarta edición por pasar de dous a catro días de concertos e estender a súa localización orixinal do esteiro da Foz a Patos e Panxón co obxectivo de disgregar ao público ante as restricións sanitarias vixentes. Así, aínda que condicionados polas circunstancias relativas ao coronavirus, este ano non será moi diferente aos anteriores no aspecto artístico, o único é que non se poderá contar coa participación de músicos americanos, pero, coma sempre, os protagonistas serán destacados músicos do panorama europeo, nacional e tamén galegos.

O escenario principal (Foz do Miñor) será testemuña a vindeira fin de semana de dous concertos con dúas formacións moi novas e talentosas: o día 24 (22.00 horas) a vocalista, a compositora e produtora Yumi Ito debutará con Wilfried Wilde á guitarra Jakub Dworak ao contrabaixo e Iago Fernández á batería. Ao día seguinte, o pianista vasco David Cid tocará cun trío, nesta ocasión acompañado polo lendario saxofonista valenciano Perico Sambeat, Xurxo Estévez ao contrabaixo e Joan Casares á batería (sábado 25, ás 22.00 horas)

Tamén estarán presentes novos valores do jazz galego. O día 22, na praia de Patos, actuará o trío Fuzzo, un experimento de improvisación acumulativa con elementos estilísticos que van máis aló do Jazz. E o 23, no paseo de Panxón, estará o trío de Sergio de Miguel, un novísimo pianista cun futuro prometedor e que está a acaparar xa premios e recoñecementos non soamente na nosa terra senón tamén nos Estados Unidos. Ambas actuacións serán ás 21.00 horas.

Como cada ano, ademais o Nigranjazz aposta por novos talentos tamén para abrir as jam sessions (días 24 e 25 a partir da medianoite), así como polo aspecto educativo coas masterclasses, a cargo de Yumi Ito, o venres 24, ás 12.00 horas, no auditorio municipal.

Todo iso sucederá nunha contorna natural privilexiada, un espazo único para gozar da música que este ano limitará o seu aforo pero que seguirá ofrecendo as mesmas comodidades e servizos que en anteriores edicións. O público poderá consumir, mercar camisetas, facerse con discos de músicos galegos ou charlar cos artistas do festival sempre atendendo ás medidas de seguridade derivadas da crise sanitaria provocada polo Covid-19.