A situación de alerta sanitaria ten á totalidade dos estudantes do país na casa, sen poder acudir a clase. Pero o COVID-19 non está sendo, na maioría dos casos, un impedimentos para que tanto nenos como mozos continúen coa súa actividade académica interrompida de xeito inesperado a piques de rematar o segundo trimestre.

Ábrense un abanico de posibilidades para dar cobertura dende as etapas máis temperás, gardería e preescolar, ata Primaria, ESO, Bacharelato, Formación Profesional e universidade. Case todos os centros puxeron en marcha iniciativas para que o profesorado estea en contacto directo co alumnado, ambos confinados nos seus fogares, e non se perda esa rutina e hábito diario existente na aula. Así, a través de diferentes plataformas ou aplicacións tecnolóxicas prográmanse tarefas e exercicios co obxectivo de seguir mantendo o programa educativo e continuar co curso escolar.

Pero a pesares do mundo tan avanzado no que vivimos o certo é que, como alertan dende diferentes colectivos, hai moitos alumnos que non poden seguir as clases virtuais porque non teñen ordenador ou internet nas súas casas, para elo tanto dende os concellos como dende os gobernos autonómicos e central estase a traballar para atender a aqueles casos máis vulnerables facilitando recursos ás familias que máis o necesiten co obxectivo de garantir o acceso de toda a poboación escolar á educación en liña.

Con todo, nestes casos, existen outras alternativas de aprendizaxe como pode ser o emprego do televisor. Dende fai unhas semanas o cole chegou aos fogares a través da pantalla da tele nas canles Clan e La 2. RTVE lanzou 'Aprendemos en casa', unha iniciativa do Ministerio de Educación y Formación Profesional, con tres horas diarias en Clan destinadas a nenos de 6 a 8 anos (de 09.00 a 10.00 horas), de 8 a 10 anos (de 10.00 a 11.00 horas) e de 10 a 12 anos (de 11.00 a 12.00 horas) e dúas horas en La 2 para estudantes con idades comprendidas entre os 12 e 14 anos (de 12.00 a 13.00 horas) e de 14 a 16 anos (de 13.00 a 14.00 horas). Trátase dun programa de contidos nos que se ofrecen clases de lóxica e matemáticas os luns, ciencias sociais os martes, educación artística e educación física os mércores, lingua e idiomas os xoves e ciencias naturais os venres.

Ademais para os máis pequenos da casa, TVE puxera xa en marcha EduClan para nenos de 3 a 5 anos con series, xogos, inglés e concursos, ofrecendo tamén vídeos sobre as principais áreas curriculares para nenos de 6 a 8 e de 9 a 10 anos.

Outras canles, públicas e privadas, uníronse a esta iniciativa. Así, Boing conta cunha proposta educativa centrada na aprendizaxe de inglés a través do programa Real Mom, de luns a venres ás 13.25 horas. E na TVG 2 emítese un bloque educativo, de luns a venres de 11.00 a 13.00 horas con contidos de xeoloxía e bioloxía e xeografía e historia (Xeoclip) para Secundaria e Bacharelato; a versión do programa Aquelando para que os nenos aprendan de xeito entretido, con explicacións, experimentos e trucos e os máis pequenos poderán desfrutar das clásicas series como "Era unha vez€ o home" e "Era unha vez€ os exploradores" e o programa Criaturas.

Por outra parte, ademais dos contidos para televisión, o Ministerio pon a disposición dos docentes e das familias a web https://aprendoencasa.educacion.es/para acceder a diversos recursos e ferramentas para facilitar a aprendizaxe nunha contorna virtual. Nesta páxina pódense atopar enlaces a materiais elaborados e postos en marcha polas diferentes comunidades autónomas, entidades privadas e outros axentes

Pero non todo vai ser estudar, tamén os escolares deben ter o seu tempo de ocio. E para elo ademais do que cadaquén pode enxeñar ou discorrer existen múltiples aplicacións, webs e blogs que ofrecen múltiples ideas, dende diversas actividades manipulativas e contacontos para os máis cativos a visitas virtuais a museos para os máis mozos.