Para as deportistas e os deportistas é unha necesidade física e mental e para os que non o son facer deporte é unha práctica saudable tamén, e especialmente, ao reducirse notablemente a nosa actividade física diaria ao non poder saír da casa. Por iso durante o confinamento son múltiples as pautas, recomendacións ou rutinas propostas, especialmente online, para conseguir facer deporte a pesar do reducido espazo dispoñible nos fogares; nuns máis que noutros.

Conseguir correr 10 kilómetros nun balcón de so 4 metros de longo ou seleccionar tutoriais por adestradores titulados en internet son so uns exemplos do que fan veciñas e veciños da bisbarra para manterse en forma e non "oxidarse" durante a corentena.

Un exemplo é o do Concello de Mos que desde a semana pasada puxo en marcha un proxecto municipal para facilitar que a súa veciñanza faga deporte mentres dure o estado de alarma.

A concelleira de Deportes mosense, Begoña Toucedo, e os monitores deportivos do Pavillón Municipal Óscar Pereiro facilitan os programas deportivos municipais "Exercítate" e "CóidaTe-Un coaching para ti". Consiste en dar acceso a vídeos de exercizos desde quecemento, tonificación, estiramentos... Para favorecer hábitos de vida saúdables.

Os vídeos poden ser visualizados e realizar as clases que neles se imparten por calquera persoa que estea interesada en facelo, simplemente consultando a canle de YouTube, o Facebook e/ou a páxina web municipais.

Por sistema as publicacións realízanse todos os martes e xoves, aínda que poden producirse tamén publicacións a maiores durante outros días da semana.

Con esta iniciativa de sesións deportivas virtuais perséguese o obxectivo de concienciar á poboación da necesidade que quedar na casa e mentalizala de que facendo deporte xuntos, aínda que na distancia, podemos contribuír a frear o virus.

Son moitos os clubs deportivos da bisbarra con presenza nas redes sociais nestes días para animarse uns a outros retándose a posar coa camiseta do equipo, facendo deporte ou colgando un debuxo.

Só un exemplo son os deportistas do Club Natación_Ponteareas que colgan vídeos demostrativos das súas sesións de adestramento no fogar seguindo as rutinas enviadas desde o seu club. Deste xeito os seus mebros anímanse uns a outros a cumprir cos adestramentos e mantéñense en contacto. Ao mesmo tempo, os seus seguidores nas redes sociais poden guiarse por eses vídeos para facer deporte.