Festas e citas gastronómicas que cada ano se veñen celebrando nos concellos da bisbara quedaron tamén suspendidas por mor do COVI-19. Algunhas anuláronse definitivamente e outras aprázanse, con data xa fixada ou sen ela, á espera de como evolucione esta situación anómala e extraordinaria nunca antes vivida. Dende as diferentes organizacións envían mensaxes de ánimo para a toda cidadanía, facendo fincapé que o único importante agora é a saúde e seguridade de todos: sexamos responsables e quedemos na casa son os lemas máis repetidos.

San Telmo e Play Doc

O Concello de Tui anunciou a suspensión das festas do seu patrón, San Telmo, que ían ter lugar do 11 ao 20 deste mes. Tampouco en Tui se celebrará a 16 edición do festival internacional Play-Doc previsto do 29 de abril ao 3 de maio, dende a organización sinalan que seguirán traballando dende casa e anunciarán novas datas en canto lles sexa posible.

Festival de Cans

Pola contra, outra cita co cine, tamén suspendida, xa ten nova data establecida. Trátase do Festival de Cans que este ano tiña previsto ampliar a un día máis, do martes 19 ao sábado 23 de maio. A organización decidiu aprazar a celebración da 17 edición á primeira semana do mes de setembro, en concreto do mércores 2 ao sábado 5. Nestes momentos, o festival segue a traballar con normalidade no proceso de selección de curtametraxes a concurso, á vez que na reordenación de moitos dos contidos, en pechar as novas datas con artistas xa contactados ou en reestruturar varias das contratacións do persoal, ao ser inviable manter as contratacións continuadas nestes momentos ata o mes de setembro, máis alá da perda que supón a cancelación de varias viaxes previstas para o mes de maio. Con esta decisión, dende a organización aseguran que "se intenta poder salvar o certame, considerado o máis importante evento cultural de todos os que se celebran en Galicia nun entorno rural, ao que o pasado ano acudiron más de 15.000 persoas durante catro días, esgotando todas as prazas hoteleiras da comarca e xerando 132 contratacións laborais, cunha estimación dun impacto económico superior ó medio millón de euros".

Festival de Títeres

E seguindo coas artes escénicas, tamén se anunciou a suspensión do Festival Internacional de Títeres que se ven celebrando nas últimas dúas décadas en Redondela. Esta vixésimo primeira edición prevista para o mes de maio trasladarase a setembro, do martes día 1 ao domingo 6. Así o informaron dende a Asociación Xente Titiriteira, organizadora do evento, sinalando que "os nenos e nenas fieis á súa cita cos títeres de Redondela poden estar tranquilos, pois a principios de setembro desfrutaremos coma nunca do espectáculo e a maxia do teatro. Agora debemos enfrontarnos a esta pandemia pero cando pase, que pasará, e podamos desfrutar das rúas e prazas, estamos convencidos de que os monicreques serán máis necesarios ca nunca".

Lamprea en Arbo

Tamén nesta época son varias as citas gastronómicas na bisbarra e que, de igual maneira, tiveron que ser suspendidas. En Arbo o Concello suspendeu a Festa da Lamprea que este ano cumpriría 60 anos, en maio remata a temporada de captura deste peixe polo que deberemos esperar ao ano vindeiro para degustala fresca; namentres teremos en agosto, os días 8 e 9, outra cita, coa lamprea seca cociñada en diferentes variedades (asada, rebozada, rechea ou con fideos)

Requeixo e Mel nas Neves

No municipio das Neves tamén se adiou a XXIX Feira do Requeixo e do Mel para o domingo 11 de outubro. De alí a uns días da súa presentación na localidade portuguesa de Monçao, o evento, que se celebra cada venres de Semana Santa, e todas as actividades asociadas foron suspendidas.

Ostras en Soutomaior

Tamén en Soutomaior suspenderon a XXXIV Festa da Ostra que tiña fixada a súa celebración para esta fin de semana e na que estaba previsto que Benedicta Sánchez, que aos seus 84 anos ven de recibir o Premio Goya á mellor actriz revelación polo seu papel na película "O que arde".

Camelia

Esta situación de alarma sanitaria chegou en plena época de floración da camelia. Así, as diferentes mostras previstas en municipios da bisbarra como Salceda ou Soutomaior tiveron que suspenderse, como tamén se cancelou a Mostra de Cultivos do Baixo Miño.