Ante posibles síntomas de coronavirus ou sospeita de ter sido contaxiados non debemos acudir inmediatamente a un centro de saúde ou hospitalario. A recomendación do Servizo Galego de Saúde é chamar antes de nada ao teléfono 900 400 116 para explicar os nosos síntomas e reponder ás preguntas que nos realicen para descartar ou non o noso contaxio. A continuación indicarannos que debemos facer; se someternos á proba de confirmación, se quedar en corentena nos nosos domicilios, se desprazarnos a algún centro de saúde ou hospitalario, etc.

En caso de ter que desprazarnos a un centro de saúde este non terá por que ser o noso habitual se somos pacientes de Baixo Miño, Louriña, Condado, A Paradanta, Val Miñor ou Redondela. A atención centralizouse en oito centros de saúde para os pacientes con sospeita de padecer infección respiratoria por coronavirus.

O obxectivo é ofertar unha atención máis eficaz usando edificios con salas de maior dimensión, á vez que se tenta protexer e preservar aos equipos de profesionais fronte ao coronavirus, con quendas rotatorios entre médicos e persoal de enfermaría. Os médicos poden solicitar directamente a proba diagnóstica PCR cando sexa necesario.

Os pacientes sospeitosos de Covid-19 de Tui, Goián e Tomiño acoden ao centro de saúde tudense e os da Guarda, O Rosal e Oia, ao guardés. O ambulatorio de Porriño atende aos da localidade e Salceda de Caselas. O de Mos queda cos do seu municipio. O de Redondela é referencia para a localidade e Chapela, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes. A Ponteareas desprázanse os de Salvaterra, Mondariz-Balneario, As Neves, Covelo e Mondariz. A Cañiza centraliza os de Arbo, Crecente, Valeixe. Os casos sospeitosos de Baiona, Gondomar e Nigrán derívanse ao centro de saúde Val Miñor, situado na Xunqueira.