Nunhas eleccións hai varios votos: de castigo, de carraxe, de medo, de lealdade, mais tamén de ilusión. Este último é ao que se apunta o BNG e Carme da Silva (Pontevedra, 1966) para que o nacionalismo galego volva ter escano -e polo tanto, "voz propia"- na política estatal. Todo o demais, opina a candidata pola provincia, significa unha viaxe ao pasado de hai corenta anos, da man de forzas que negan as características propias de Galicia; ese territorio ao que o Bloque aspira a representar libre de ataduras, "sen que ninguén desde Madrid nos diga o que temos que facer".

-Recta final de campaña. Dise que as eleccións xerais non adoitan ser un espazo propicio para o BNG.

-Non estou para nada dacordo. Cada vez máis xente en Galicia é consciente da importancia que teñen as eleccións xerais para os galegos. Houbo un cambio importante cando no 96 o BNG conseguiu representación por primeira vez no Congreso e se empezou a falar dos temas de Galicia. Lembro unha frase de Aznar debatendo cun deputado do BNG que dicía: "Estamos dacordo, en Galicia hai galegos". Nesta última lexislatura, non estando o Bloque, dos problemas de Galicia non se fala. Son unhas eleccións importantísimas porque nos xogamos moito. Levo moitas campañas electorais encima pero como esta ningunha, pola ilusión que nos transmite a xente: dinos que " desta vai".

-Que resultado sería un éxito e cal un fracaso?

-O resultado que esperamos e que a xente nos transmite, co "efecto BNG", é que Galicia teña representación. Os resultados electorais non se miden por éxitos ou fracasos; mídense polo apoio que a xente che dá. Nestas eleccións, esperamos que sexa moi importante para que Galicia recupere esa presenza imprescindible nas Cortes. Ademais, estamos a discutir os escanos en Pontevedra con Vox e Cidadáns. Por tanto, somos un voto dobremente útil: para representar a Galicia e para parar a Vox e Cidadáns.

-En que lugar quedarían Galicia e Pontevedra se perdesen a batalla por eses escanos con Vox?

-Novamente quedaría sen representación no Congreso para que a tivese unha forza que non lle importa absolutamente nada o que pasa neste país. Négannos por completo. Para esa dereita carca e reaccionaria, os galegos non existimos. E non soamente iso, as mulleres non existimos. Calquera cousa que signifique diversidade e pluralidade queren exterminala. Socialmente significa unha volta atrás de 40 anos. Son persoas que queren o franquismo vivo.

-O nacionalismo e a cuestión territorial están na diana por Cataluña. Cre que lle poden pasar factura ao BNG esas mensaxes tan duras contra o nacionalismo?

-Si é certo que por parte da extrema dereita e da progresía española está a cuestionarse a existencia de distintas nacións dentro do Estado, algo que non se atreveron a negar cando se fixo a Constitución. Aí non temos nada que gañar. O que dicimos é que non fai falta ser nacionalista para votar ao BNG, fai falta querer a este país. Que queiras que teña o mesmo trato que teñen outros. Van ter representación os andaluces, os canarios, os vascos, os cataláns, os valencianos?e nós imos quedar fóra? Iso é o que nos estamos xogando. Unha soa deputada canaria conseguiu pactar orzamentos. Nós temos a convicción de que un ou dous deputados determinantes do BNG son quen de condicionar os investimentos e o trato cara Galicia.

-Cal debería ser o primeiro xesto de Sánchez para conseguir uns votos do BNG?

-O primeiro é dicirnos que baixo ningún concepto vai presentar uns orzamentos como os últimos que presentou para Galicia, que eran claramente discriminatorios. Ten que meter iso nun caixón e empezar a falar das necesidades que ten este país. Temos experiencia de chegar a acordos.

-Esa corrente de simpatía que detecta cara o BNG vén máis por falar de cuestións como a AP-9 ou os PGE e non tanto por un discurso en clave de dereito de autodeterminación?

-Desas cousas son as que determinan o dereito para decidir. Cando dicimos que temos capacidade para decidir como pobo, falamos de que se producimos moitísima máis enerxía da que consumimos, temos que ter unha tarifa propia. Ou cando dicimos que a AP-9 xa está paga e que ten que ser pública, galega e sen peaxe. Esas son as cuestións.

-Hai outro partido, En Marea, que tamén pide apoios para ser un partido sen tutelas de Galicia no Congreso, cre que poden rivalizar?

-Non entro nas situacións internas doutras forzas. Eu o que creo é que o BNG é a única que non ten tutela de ninguén máis que do pobo galego. Non esperamos a que ninguén nos diga o que temos que facer desde Madrid ou ningún grupo parlamentario. Somos a única que ten esas características. Noutras forzas políticas fai falta un croquis para saber a quen se deben.

-Yolanda Díaz. Que lle parece que recale nestas eleccións pola provincia de Pontevedra?

-Pois iso, recala. Pero hai máis rivais. A miña rival non é Yolanda Díaz, é Ana Pastor.

-Pero compiten nun espazo que pode ser semellante.

-Creo que compite no espazo que lle diga Pablo Iglesias.

-Ence. Prevé adoptar algún tipo de acción legal contra as persoas que pintaron no seu domicilio?

-Persoalmente, non. Neste caso, as pintadas apareceron cando se fixo público que ía ser cabeza de lista ao Congreso polo BNG e as seguintes cando empezaba a campaña. Son pintadas contra unha persoa que forma parte dunha candidatura e que ademais é cargo público, porque eu son concelleira en Pontevedra. Creo que ten que actuar de oficio a Fiscalía. O Estado ten mecanismos para actuar en situacións deste tipo, porque son pintadas que se fan nun espazo público. Así o ten feito noutras ocasións.

-A quen llas atribúe ou de quen sospeita?

-Materialmente non sospeito de ninguén. Política e economicamente, de Ence e o Partido Popular.

-Despois de tantos anos reivindicando o peche da factoría de Lourizán, deuse un paso definitivo?

-Abriuse unha porta á esperanza. No tema de Ence nunca me atrevo a falar de pasos definitivos. Sei que se abre unha porta á esperanza, pero a presión de Ence, tanto económica como política, é moi, moi grande. Seguirano tentando mentres teñan algunha fisura pola que coarse, por iso é tan importante que o BNG estea no Congreso.