Tras a gran implicación dos centros escolares galegos na súa primeira edición, o proxecto Escola en Camiño, promovido por Faro de Vigo e La Opinión A Coruña en colaboración coa Consellería de Cultura, volve este curso 2022-2023 con moitas ganas de seguir peregrinando con docentes e alumnado a través do patrimonio material e inmaterial do que é o noso gran embaixador universal. 

O Camiño de Santiago fala de arte, cultura, paisaxe, gastronomía, e tamén de valores de coma o compañeirismo ou a superación dun mesmo e todo isto ben merece ser posto en valor. Que mellor forma de facelo que a través dos ollos creativos dos nosos escolares, que poderán volver participar en ‘Escola en Camiño’, dirixido aos centros educativos de toda Galicia para divulgar entre as xeracións máis novas a dimensión cultural, social, económica e humanística do Camiño de Santiago. 

Unha actividade transversal para ir máis alá da aula 

Unha actividade transversal que permitirá saír das portas da aula para elaborar entrevistas, reportaxes, fotografías, ilustracións, debuxos, e mesmo curtas ou podcast ao fío do Camiño de Santiago, que nos permite aprender de historia, de música, de lingua e mesmo de matemáticas, e tamén adquirir habilidades que van dende a lecto-escritura ata o traballo en equipo. Non o cres? Pois bótalle unha ollada aos incribles proxectos gañadores dos máis de 30 premios repartidos o pasado curso na primeira edición do proxecto, nalgúns dos cales chegou a participar un centro ao completo. 

Inscricións abertas 

Así que moi atentos peregrinos porque a andaina está a piques de comezar. Todos os centros educativos de Primaria e Secundaria de Galicia que desexen participar poden inscribirse xa na web de Escola en Camiño ata o 15 de novembro. Poderán empezar a enviarnos as súas actividades desde ese mesmo día e ata o 24 de febreiro, que se irán publicando no xornal con periodicidade quincenal. O colofón final será unha gran festa escolar que terá lugar en Vigo no mes de marzo, coa entrega de premios nas distintas categorías aos mellores traballos presentados, cos que tamén se elaborará un periódico propio do proxecto .