O xornalista Walter Lippmann acostumaba dicir que “as grandes exclusivas de hoxe envolverían o peixe de mañá” e tampouco é que lle faltase razón, pero tan certo é isto coma que os xornais poden converterse en fantásticos relatores da historia a través das súas hemerotecas.

Isto mesmo deberon pensar na clase de 4º da ESO do CPR Possumus cando decidiron pórse mans á obra co traballo ‘O 25 de Xullo na historia’, galardoado co Premio Especial á Investigación de Escola en Camiño.

Unha proposta na que o alumnado analizou as portadas do xornal desde 1876 ata 2021 coa finalidade de estudar o tratamento do gran día do Apóstolo, tamén Día de Galicia, ao longo da historia e dende un punto de vista periodístico.

Unha fantástica iniciativa na que observaron como a transcendencia das festas do Apóstolo ía cambiando e pasando de non ter apenas repercusión no 1899 a protagonizar portadas ao completo en 1926 e algúns posteriores; ou como o punto álxido das nosas festas foi arredor do ano 1945, no que os xornalistas do tempo falaban da Festa Nacional, e mesmo en 1954 chegaban a nomealo como Patrón de Europa; mentres que, posteriormente, a política empezou a coller protagonismo nese día, e Santiago, a perdelo. Deste xeito nolo relatan os nosos investigadores do Possumus, que tamén engaden: “Como anécdota, é interesante observar escritos de Cabanillas, Risco, Graña, Ferreiro ou Castelao”.

“Estaban moi interesados ​en analizar estas portadas, ata tal punto que algún alumno quixo levar unha impresa para a casa”, conta, pola súa banda, Rocío Paramá, xefa de estudos e coordinadora do proxecto: “Ademais, recoñecían feitos históricos estudados no instituto ou autores de noticias que recoñecían da literatura. Foi incrible velos traballando en grupo, analizando a información elaborada durante anos para despois xuntar todo e preparar un texto escrito, a partir do que gravaron un vídeo a modo de telexornal, cun matiz cómico”.

Unha das portadas. / ESCOLA EN CAMIÑO

“A implicación do alumnado foi incrible”

Rocío Paramá - Xefa de estudos

No centro traballamos dúas liñas totalmente diferentes para este magnífico proxecto. Por unha banda, o alumnado de 1º da ESO realizou dende Tui unha Guía do Camiño Portugués e unha infografía sobre “A Raíña Lupa”, o que supuxo buscar as paradas máis interesantes de Tui a Santiago.

Mentres que, en 4º da ESO, o labor centrouse na procura de información sobre o 25 de Xullo na hemeroteca do xornal, o que tamén lles permitiu comprobar como foi cambiando co paso do tempo tanto a redacción das noticias, como o formato dos xornais ou mesmo a importancia de determinadas noticias ou seccións e a publicidade ao longo da historia.

O alumnado gozou aprendendo, navegando pola historia, vendo cos seus propios ollos como cambia a perspectiva histórica co paso do tempo e animando ao outros a coñecer diferentes lugares e curiosidades ao longo do camiño. Pola miña parte, como coordinadora do proxecto, non podería estar máis satisfeita co resultado.

A implicación do alumnado foi incrible e tamén as ganas de coñecer e participar na iniciativa. Un proxecto integral a nivel formativo e no que o propio alumnado marca o ritmo de traballo e pedindo máis; mesmo reclamando explicacións sobre determinadas aplicacións e tamén sobre os seus usos para este proxecto e outros futuros. Un proxecto totalmente interdisciplinar onde o tempo se converteu nun investimento en aprendizaxe.