Gastronomía, literatura e Camiño. Non dicimos que non poida haber mellor maridaxe, pero o certo é que agora mesmo non se nos ocorre ningunha.

Son os tres temas que se combinaron no CPR Plurilingüe Vigo durante a realización dos traballos para a primeira edición de Escola en Camiño, premiado na categoría especial “O outro Camiño”.

A boca auga coas propostas dos grupos da ESO que, logo de investigar os distintos roteiros que conforman a vía compostelá, definir a significación da peregrinaxe e as pautas a seguir e o traballo de preparación; puideron coñecer moi de cerca os pratos típicos da gastronomía galega, española, portuguesa e francesa e facer unha selección da que gozamos todos os lectores da web de Escola en Camiño.

“Foi unha experiencia moi boa que nos serviu para coñecer moitas cousas acerca do Camiño de Santiago”, relata deste xeito un dos grupos implicados no proxecto, que elixiu a vía portuguesa pola súa importante gastronomía e polas súas fermosas paisaxes.

Unha das actividades que máis lles gustou, á hora de facer o traballo, foi ir sacar fotos nos indicadores do camiño que se atopan cerca da súa zona: Trasmañó, e que se correspondían co trazado da nosa ruta: “Neste traballo, aprendemos moito da xeografía e da gastronomía portuguesa e galega fóra do habitual como pode ser o polbo á feira ou o famoso bacalhau. Buscamos moitas receitas, xuntámolas e fixemos unha selección…fixemos as nosas propias fotografías para ilustrar a nosa proposta de traballo. Sen dúbida, foi unha actividade moi positiva”.

Outro dos grupos centrou ademais o seu labor na investigación dos distintos sitios por onde transcorre o camiño francés mentres que, outros, traballaron co Portugués pola Costa e a riqueza culinaria, paisaxística e literaria desta singular e fermosa vía Xacobea, entre outros.

Cuestión de literatura

Autores tan dispares entre si como Fina Casal de Rey, autora de “O Xenio da Cidade do Sal”, que nos invita a coñecer a figura de Mozart a través dunha viaxe polo Camiño; Paulo Coelho, que peregrinou a Santiago, descubriu a aldea do Cebreiro e quedou a vivir alí; ou, por suposto, Rosalía de Castro, son só algúns dos moitos autores de todas as partes que teñen relación coa nosa histórica ruta, tal e como nos descobre, pola súa banda, o alumnado de Bacharelato do centro, que centrou a súa actividade na literatura, facendo vídeos e entrevistas sobre os escritores e escritoras que percorreron o Camiño ou que escribiron sobre el.

“Traballo en equipo, bo facer, ilusión e imaxinación”

Maite Lobit y Montse Ruibal - Coordinadoras

No CPR Plurilingüe Vigo os alumnos de 2º da ESO e 1º Bacharelato traballaron investigando a gastronomía e a literatura relacionadas co Camiño de Santiago nas diferentes rutas.

Nos grupos de traballo da ESO centráronse na investigación dos distintos roteiros que conforman a ruta compostelá. Definiron que é e que significación ten a peregrinaxe, que pautas deben seguirse, cal é o traballo de preparación e tiveron ocasión de coñecer os pratos típicos da gastronomía galega, española, portuguesa e francesa.

Bacharelato centrou a súa actividade na literatura, facendo vídeos, entrevistas nas que se puña de manifesto non só os escritores e escritoras que percorren o Camiño ata Compostela, senón tamén falando de todos aqueles que centraron a súa obra na singular peregrinaxe ata a cidade do Apóstolo ou que escribiron sobre ela.

En ambos cursos, destacou o traballo en equipo, o bo facer, a ilusión, a imaxinación e a organización para levar a cabo a tarefa encomendada, que demos en chamar Traballando no bo camiño.