Aínda que fagas cinco ou seis veces a mesma ruta Xacobea, a experiencia é distinta de cada vez: polos tempos, polas anécdotas e, sobre todo, pola xente, as persoas que coñeces. 

Da fe de todo isto Ángel Campos, “O Peregrino Incansable” de Vilalba, que sabe ben do que fala ao sumar nada máis e nada menos que 38 Compostelas ó longo da súa vida. 

Unha figura emblemática do Camiño de Santiago na actualidade que ben vaga a pena coñecer e entrevistar, tal e como fixo o alumnado de 2º da ESO do centro Niño Jesús de Praga.

Déixannos unha charla para o recordo con Campos no seu podcast ‘Conversas no Camiño’ para o proxecto escolar Escola en Camiño

Nado en Teruel e afincado en Galicia, introducen os nosos buscadores de historias, Ángel Campos empezou esta historia de amor no ano 93. 

Dende entón, fixo o Camiño xa 38 veces e o seu obxectivo é chegar ás 50, segundo responde nesta entrevista dinámica, fresca, con preguntas claras e respostas curtas, no que cada escolar vai compartindo unha cuestión distinta. 

“Cando me xubile, estarei todos os días no Camiño”

Conta deste xeito como, tras unha primeira experiencia con amigos nos anos 90, xa nunca máis puido separarse da peregrinaxe, da que goza dende entón entre tres e catro veces cada ano a través das distintas rutas Xacobeas, entre as que el, “particularmente”, destaca a Portuguesa. Conta tamén que nunca botou man da bicicleta ou o cabalo: “Creo que camiñando, como se facía antes, dende sempre, é a mellor forma de disfrutalo”. 

O seu nivel de motivación, explica por outra banda, segue sendo o mesmo porque así o é a súa devoción, e porque chegar ao obradoiro sempre é especial: “Que que sensación experimentas? Pois mira: a sensación é de gozo. Se tes a oportunidade, tes que facelo e verás como, ao chegar, sáltanche as bágoas”. 

Pode que por iso, pola innegable emoción que experimenta o camiñante a Santiago, Campos estea a pensar xa na súa Compostela número 50 e vaia incluso máis alá. 

“A idea é esa: chegar ás 50, e, se se pode, máis; cando me xubile, estarei todos os días no Camiño”, conta este devoto do Xacobeo, que, por certo, está a piques de partir xa a Ribadesella para iniciar un novo tramo do Camiño Primitivo, en Asturias, non sen antes despedirse dos nosos xornalistas de Escola en Camiño cunha última reflexión.

 “O principal para min é a compañía, as amizades que se fan durante o periplo. Eu teño amigos e amigas peregrinas de Eslovaquia, de Estados Unidos e de moitos outros países. Aínda que non fales o mesmo idioma, esa amizade e ese cariño a través da experiencia compartida fan que acabes sempre por entenderte, dun xeito ou doutro”, relata. 

Unha “marabillosa viaxe” en forma de infografía 

“Todos algunha vez na vida deberíamos facer o Camiño de Santiago, unha marabillosa viaxe que moitos peregrinos realizan cada ano, percorrendo fermosos lugares, cultura, historia... e rematando na espectacular Catedral de Santiago. Alí poderán visitar o Pórtico da Gloria, e o emblemático botafumeiro”, anímannos tamén a apuntarnos a experiencia da viaxe o alumnado de 4º da ESO do CPR Plurilingüe El Castro, coa fantástica infografía que ilustra este artigo. 

Un fantástico exemplo máis dos 1001 xeitos que existen de contar o noso Camiño de Santiago, tal e como pode verse ao completo nos traballos de todo tipo reunidos na páxina web do proxecto escolar de Escola en Camiño, posto en marcha por Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña en colaboración coa Concellería de Educación da Xunta de Galicia.