Últimas novas de Escola en Camiño! O espírito do Mestre Mateo ven de inundar as aulas do colexio Sagrada Familia de Aldán, onde van con todo para festexar o segundo Ano Santo Xacobeo.

Non o crees? Pois é certo: segundo avanzan os nosos pequenos reporteiros en campo, o colexio ó completo quere transformarse nunha homenaxe ao Camiño de Santiago e, para iso, todos os cursos están a participar na construción dun Pórtico da Groria moi particular do que pronto poderemos mostrar as primeiras imaxes. 

No seu periplo polos corredores do centro, a entrada occidental da catedral de Santiago está acompañada de enormes postais coas paradas máis emblemáticas das rutas Xacobeas: o Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo; o Camiño Portugués, na fermosa vila xudía de Tui; ou o Camiño Portugués pola Costa, na terra da auga e as ostras: Redondela.

O Camiño Portugués, entre os protagonistas da serie de postais dos alumnos de 4º da Eso do colexio Sagrada Familia de Aldán para Escola en Camiño. Cedida

Postais de cera que voan da arte á música

40x50 centímetros a toda cor, orixe e paisaxe, pintadas a man con ceras brandas polos alumnos de 4º da ESO do Sagrada Familia de Aldán que chegan agora en primicia a Escola en Camiño de Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña, o proxecto no que escolares de toda a comunidade están a plasmar, a través de distintos formatos: debuxos, fotos, podcasts, vídeos… a súa particular visión desta xoia patrimonial. 

“Ao coñecer a iniciativa nin o pensamos: Víñanos ó dedo!”, di a titora Amparo Gómez e deixa paso á profe de Plástica, María Blanco: “A verdade é que o pasamos moi ben, o alumnado implicouse moito. O camiño é unha gran fonte de inspiración e supón un intercambio cultural enorme, tanto artístico coma musical”, adianta sobre as postais, que terán percorrido máis alá da clase de debuxo e viaxarán tamén á materia de música, na que o alumnado vai coñecer os ritmos e grupos máis típicos de cada un dos enclaves Xacobeos escollidos para os debuxos.  

O alumnado da clase de Billi López, no Paraixal, son recibidos por unha réplica do Camiño e a Catedral cada mañá antes de entrar a clase. Traballo para o proxecto de Escola en Camiño. Cedida

Unha réplica da catedral na porta da aula

Historia, lingua, arte, música, natureza; cunha mirada curiosa, alegre, entusiasta, privilexiada como só o pode ser a dos nenos e adolescentes, nunha andaina a través dos coles galegos que hoxe nos leva tamén ao centro vigués Paraixal. Alí, en infantil, os peques van facendo o seu camiño ata Santiago descubrindo a fauna autóctona da nosa terra.

A os nosos exploradores non lles chega o momento de peregrinar a Santiago

Raposos, corzos, teixugos, mouchos, petos, gaivotas ou xabarís acompañan deste xeito a Xián, Diego, Xián, Álvaro, Nora, Aníbal e Mario ata a Catedral de Santiago de Compostela cada mañá, cando lles recibe impoñente na porta da súa aula.  

Os pequenos peregrinos da clase de 6º de Infantil coñecen agora moito máis sobre os animais da comunidade, os seus nomes, sons, hábitos… e xa só queren unha cousa, tal e coma nos conta a súa titora, Billi López: “Están entusiasmados, agora queren ir a catedral, facer algunha etapa para ver si se atopan coa fauna galega, todos os días preguntan: ‘Profe!, ¿cando imos a Compostela?’”. 

O seu entusiasmo, o mellor embaixador 

Escola en Camiño é o proxecto educativo de Faro de Vigo, La Opinión de A Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta para divulgar entre as xeracións máis novas a dimensión cultural, social, económica e humanística do Camiño. Xoves si, xoves non, o xornal publica unha páxina coas mellores achegas do proxecto. Unha inmellorable oportunidade para coñecer o Camiño a través da súa ilusión.  

Descubre aquí todos os traballos de Escola en Camiño