A aventura de "Escola en Camiño" bota a andar, e nunca mellor dito. O proxecto de Faro de Vigo en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia dirixido aos centros educativos de Galicia para divulgar entre as xeracións máis novas a dimensión cultural, social, económica y humanística do Camiño de Santiago é xa unha realidade e os colexios comezan a enviar os seus primeiros traballos. Despois do proceso de inscripción, os centros participantes xa se puxeron mans á obra para crear contido en diferentes formatos que se publicará cada mércores na web de Faro de Vigo.

O Camiño dende diferentes ópticas

Xa o dicía Benjamin Franklin nunha célebre frase: “Dimo e esquecereino, ensínamo e recordareino, involúcrame e aprendereino” , así que para educar ao alumnado e inculcarlles os coñecementos e os múltiples valores deste privilexiado roteiro universal, "Escola en Camiño" proponlle aos centros elaborar entrevistas, reportaxes, fotografías, ilustracións, debuxos, vídeos ou podcast que teñan como temática as diferentes vertentes do Camiño, convidándoos deste xeito a indagar sobre a súa historia no sentido máis amplo. E estes comezan a ser os resultados.

A actividade durará ata o 8 de abril, data límite para o envío de propostas. Seguiralle unha entrega de premios para os mellores traballos nunha gala no Museo Mar de Vigo. Elaborarase tamén o xornal “Escola en Camiño” cos mellores traballos, un exemplar que se distribuirá tanto nos centros educativos participantes como encartado con Faro de Vigo.