Soutomaior celebra a cuarta edición do seu festival para xente miúda: o Punkativada
Música, espectáculos e obradoiros creativos encherán a Carballeira do Peirao de Arcade os días 22 e 23 de agosto cunha nova edición do festival, que segue apostando pola lingua galega, a creatividade e o espírito punk

Manu Lourenzo, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Rosana Martínez Boullosa, presentaron na Carballeira do Peirao unha nova edición da Punkativada. / Concello de Soutomaior
O festival Pukativada para a xente miúda regresa a Soutomaior os días 22 e 23 de agosto cunha programación pensada para que nenos e nenas, familias e público de todas as idades desfruten dunha fin de semana chea de música, teatro, humor e actividades creativas.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, anima a toda a rapazada do concello e da contorna a participar nesta cuarta edición e a «volver sacar ese espírito punki que todos levamos dentro», nun festival que ano tras ano aposta por ofrecer unha programación cultural e de ocio pensada especialmente para a xente miúda.
O festival comezará o sábado 22 de agosto con obradoiros creativos de A que soa a lingua? Lingua Punki, nos que os participantes poderán explorar a poesía e experimentar con tatuaxes, maquillaxes e peiteados punki. Ás 13:00 horas chegará o espectáculo A Estrada, de Natalia Outeiro Pajarito, e pola tarde será a quenda de Historias para escangarriñarse, de Teatro Ghazafelhos, ás 17:00 horas, e de Comisión de festas, de Brais das Hortas, ás 19:30 horas.
A programación continuará o domingo 23 de agosto con novas sesións dos obradoiros A que soa a lingua? Lingua Punki. Ás 13:00 horas terá lugar o concerto tributo Lembra Xabarín, unha proposta familiar que recupera a música e o espírito rebelde do Xabarín Club, mentres que ás 17:00 horas Pan con chocolate, de María da Pontragha, pechará a programación cunha sesión de contacontos que mestura sabor, memoria e imaxinación.

Presentación da cuarta edición do festival. / Concello de Soutomaior
Con esta programación, o Punkativada chega á súa cuarta edición consolidándose como unha proposta cultural para a xente miúda, na que a música, o teatro, o humor e a lingua galega se combinan para ofrecer unha fin de semana diferente para toda a familia. Todas as actividades serán de balde.
Dende o Concello de Soutomaior convidan a todas as familias a achegarse á Carballeira do Peirao de Arcade e desfrutar dunha cita pensada para compartir e gozar en familia nunha das contornas naturais máis emblemáticas do municipio.
- Marruecos recupera el abastecimiento de almeja fina y se aprovecha de la crisis del sector marisquero gallego
- Raúl Pérez rescata de la ría de Arousa un albariño con más de 15 años de crianza bajo el mar
- Un motorista herido tras chocar contra un furgón de limpieza en Vigo
- Muere un hombre en un atropello en Cambados
- Povisa, 53 años después: del hospital de los médicos vigueses a la incertidumbre de Vivalto
- «Nuevo Zumaya», otro que marcha a Namibia: Galicia pierde cuatro veces la capacidad de la flota de Gran Sol con los éxodos a África
- El nuevo «Silicon Valley» gallego se estrena en Vigo
- EE UU aborda y destruye el atunero ecuatoriano «Montecristi» por su supuesta vinculación con el narcotráfico