Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Caldas de Reis déixase levar pola corrente da festa

A XIII Feira Tradicional abrirá o programa mañá domingo. Mondra, Treixadura, Uxía e Pablo Novoa e De Ninghures, entre as propostas musicais deste ano

Ambiente nunha das verbenas do ano pasado.

Ambiente nunha das verbenas do ano pasado. / concello de caldas - cultura

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Moncho González

Pontevedra

Caldas de Reis xa quenta motores para celebrar unha das citas máis esperadas do seu calendario festivo. Do 9 ao 16 de agosto, a vila termal volverá encher as súas rúas de ambiente, música e tradición cun programa pensado para todos os públicos, no que se combinan as celebracións máis arraigadas coa presenza de destacados artistas do panorama musical galego e grandes formacións das verbenas.

O inicio das festas chegará o domingo 9 de agosto coa XIII Feira Tradicional, unha proposta plenamente consolidada que converterá os xardíns e a carballeira nun espazo dedicado aos oficios, a artesanía, a gastronomía e a cultura popular. Desde as 11.00 ata as 21.00 horas, veciños e visitantes poderán gozar dunha intensa xornada que comezará coa apertura da feira e os pasarrúas da charanga Os Encerellados do Campo Lameiro. O programa inclúe tamén o contacontos infantil de Cris de Caldas, o pregón oficial, o concerto da Agrupación Folclórica Celme, unha nova saída da charanga, o espectáculo A Forza da Queimada, a cargo de Hípica Celta, e o concerto de Catuxa Salom. Durante toda a xornada desenvolveranse ademais actividades paralelas como polbería, tren turístico, xogos populares, talla con motoserra, obradoiros infantís, un obradoiro de remate de xoguetes e photocall.

A programación festiva continuará o xoves 13 de agosto coas tradicionais bombas de palenque, dianas e alboradas coa Charanga Noroeste, os pasarrúas dos xigantes e cabezudos acompañados polo grupo de gaitas As Espiñas e a actuación das Peñas da Lasanta no Campo da Torre. Pola tarde, o paseo Román López acollerá un gran circuíto infantil con inchables, tobogán acuático e festa da escuma. O escenario acuático do Umia recibirá ás 21.00 horas o concerto de Mondra, un dos artistas que mellor representa a renovación da música tradicional galega, antes da verbena protagonizada por América de Vigo e Panorama.

O venres 14 será amenizado pola Charanga Alambique no pasarrúas matinal, e os actos tradicionais da mañá. A programación inclúe tamén os encontros do Trofeo de Fútbol San Roque, co partido feminino entre Caldas CF e CX Cambados e o masculino entre Caldas CF e CD Ribadumia. Pola noite, Treixadura -unha das agrupacións máis recoñecidas da música tradicional galega, auténtico referente da recuperación e difusión do canto e da música popula- ofrecerá un dos concertos máis esperados desta edición, seguido da verbena con Discomóbil Urban e El Combo Dominicano.

O sábado 15 de agosto, día grande das festas, a música volverá ser protagonista coa Banda de Música Municipal de Ribadumia, que ofrecerá un concerto nas Palmeiras. Xa pola noite, o escenario do Umia acollerá a actuación de Uxía e Pablo Novoa, acompañados pola Banda Municipal de Música de Caldas de Reis, nun dos momentos máis especiais da programación. A verbena correrá a cargo de La Roca e Ardores.

As festas despediranse o domingo 16 de agosto coa Banda Municipal de Música de Caldas de Reis, os pasarrúas dos xigantes e cabezudos, o concerto da banda nas Palmeiras, a actuación da Coral Polifónica de Caldas de Reis na igrexa de Santo Tomé e o concerto da Orquestra de Instrumentos Populares Galegos «Suso Vaamonde». Ás 21.30 horas, De Ninghures poñerá o broche musical aos concertos desta edición, antes do tradicional espectáculo pirotécnico no Malecón e da última gran verbena, protagonizada por Galilea e Xacobo Mínimo DJ.

Un convite aberto a toda a veciñanza e visitantes

Coa combinación de tradición, cultura, música en directo, actividades para todas as idades e un ambiente festivo único, Caldas de Reis volverá converterse este agosto nun dos grandes destinos festivos de Galicia, convidando a veciños, veciñas e visitantes a gozar dunha semana na que a celebración e a hospitalidade serán, un ano máis, as grandes protagonistas.

Tracking Pixel Contents