Vilanova de Arousa volve saborear o mar
Declarada Festa de Interese Turístico Nacional, o evento celebrarase do 6 ao 9 de agosto con degustacións gastronómicas e variedade de actuacións musicais

Festa do Mexillón e o Berberecho na edición pasada. / Pedro Mina
Vilanova de Arousa volverá converterse este mes de agosto nun dos grandes destinos gastronómicos e festivos das Rías Baixas. Do xoves 6 ao domingo 9, o municipio celebrará a XXXII Festa do Mexillón e o Berberecho, unha cita que rende homenaxe a dous dos produtos máis representativos da súa ría e ao traballo diario de bateeiros, mariscadoras, cocedeiros e demais profesionais vinculados ao mar.
A edición deste ano chega, ademais, acompañada dun recoñecemento especialmente significativo. Á declaración como Festa de Interese Turístico Nacional, outorgada polo Ministerio de Industria e Turismo a través da Secretaría de Estado de Turismo.
Este novo distintivo confirma a relevancia dunha celebración que foi medrando ao longo das últimas tres décadas ata converterse nun dos principais escaparates de Vilanova de Arousa, da súa gastronomía e da estreita relación que o municipio mantén co mar.
Máis de tres décadas de historia
A Festa do Mexillón e o Berberecho naceu en 1994 por iniciativa da Confraría de Pescadores A Pastoriza, co obxectivo de poñer en valor un dos sectores de maior produción da vila.
É unha celebración na que colaboran profesionais e colectivos locais achegando produto e contribuíndo a divulgar os atractivos turísticos da vila a través da súa cociña e da súa tradición mariñeira.
O resultado é unha festa que combina a exaltación gastronómica cun amplo programa cultural e de lecer, pensado tanto para a veciñanza como para as numerosas persoas que se achegan cada verán ata o municipio.
Os grandes protagonistas
A carpa gastronómica abrirá as súas portas o xoves 6 de agosto ás 13.00 horas, dando comezo a catro días nos que o público poderá degustar diferentes preparacións elaboradas con mexillóns e berberechos.
Durante as xornadas festivas, a carpa permanecerá aberta, con carácter xeral, de 12.30 a 16.30 horas e de 20.00 a 24.00 horas. A variedade de pratos permitirá descubrir a versatilidade de dous produtos que forman parte da identidade gastronómica de Vilanova e representan unha importante fonte de actividade económica para o municipio.
A participación de bateeiros, cocedeiros e mariscadoras reforza o carácter local da celebración e permite visibilizar o traballo que existe detrás de cada produto que chega á mesa.
Música para todos os públicos
A gastronomía compartirá protagonismo cun programa musical que levará propostas para diferentes públicos a varios espazos de Vilanova.
O venres 7 de agosto, a orquestra Panorama actuará no Parque do Cabo a partir das 23.00 horas, nunha das citas máis multitudinarias da programación.
O sábado 8, a música tradicional galega chegará á Praza do Castro da man de Treixadura, que ofrecerá o seu concerto ás 22.00 horas.
A última xornada comezará o domingo 9 co pasarrúas de Mekanika Rolling Band, previsto para as 12.30 horas. Xa pola noite, Roi Casal será o encargado de pechar a programación musical cunha actuación no Xardín Umbrío ás 21.00 horas.
Ás propostas musicais sumarase a tradicional entrega das Insignias de Ouro e Brillantes da festa, coas que o Concello recoñece cada ano o labor de persoas e colectivos en diferentes ámbitos sociais, ademais da Feira de Oportunidades, que se celebrará do 7 ao 9 de agosto paralelamente.
Entre o 6 e o 9 de agosto, gastronomía, música e tradición volverán darse a man nunha celebración que leva máis de tres décadas difundindo o sabor do mar de Arousa.
- Bañeras de mármol y piezas de la balaustrada de hace un siglo entre los restos del derribo del antiguo balneario do Outeiro: la Xunta pide a la Policía Autonómica que acuda al inmueble
- Fallece con cinco días de diferencia el matrimonio centenario de Nigrán tras 78 años de casados
- La Policía Local de Vigo rescata a una joven arrastrada por la corriente unos 50 metros en la desembocadura del Lagares
- Murió tras un error de diagnóstico en las Urgencias del hospital de Ourense después de un accidente en una ambulancia
- Así afecta la presencia de E. coli en las playas de Vigo: esto es lo que pasa si te bañas
- Ya está el calendario escolar 2026-2027 en Galicia: fechas de inicio de curso, vacaciones y claves para la conciliación familiar
- El PP pide responsabilidades al gobierno local por los vertidos en las playas y el «caos en el balizamiento»
- Qué supermercados, tiendas y centros comerciales abren en Vigo este 15 de agosto: todos los horarios