As Festas do Carme chegan a Marín coas actuacións das mellores orquestras e moitas máis actividades ata o día 16 de xullo
O Concello reforza o transporte público e os aparcadoiros gratuítos para acoller a veciñanza e visitantes durante os festexos
Hoxe ás 21:30 horas será a lectura do pregón, a cargo do Marín Club de Fútbol

Fotografía dunha pasada edición da Batalla das Flores de Marín. / SANTOS ALVAREZ
O Concello de Marín vive estes días unha das principais celebracións do seu calendario, as Festas do Carme. Unha data que enaltece a tradición mariñeira da vila, ao tempo que ofrece diversas propostas culturais e musicais aos veciños e veciñas de Marín e aos seus visitantes.
A programación arrincou onte pola noite coa Batalla das Flores, que percorreu o casco urbano acompañada da animación de O Verme Lambón e os ritmos da batucada Rebumbio, Maracumbé e a charanga OT 2.0.
Con isto, as Festas do Carme 2026, que se prolongarán ata o 16 de xullo, quedaron inauguradas. Para asegurar uns festexos sen preocupacións, o Concello de Marín ampliou os horarios de autobús na liña Pontevedra-Marín os días 10, 11, 12, 13, 14, 15 e 16 de xullo, con saídas desde a Boa Vila cada hora desde as 00.00h ata as 04.00 e de Marín cada hora, desde as 00.30 ata as 04:30 horas.
O goberno local tamén puxo a disposición da cidadanía unha lista en Google Maps onde se pode consultar os aparcadoiros gratuítos situados no casco urbano, que suman máis de 900 prazas en total.
Pregoeiros das Festas do Carme 2026
Hoxe continuará a programación das festas, coa posta en marcha a partir das 19:00 horas das atraccións na Praza de España.
A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, acompañada polo inspector xefe da Policía Local, Benigno Blanco, reuniuse na víspera da celebración cos feirantes para estudar a distribución dos aparatos e garantizar a seguridade, a accesibilidade o correcto desenvolvemento da actividade durante estes días.

Os integrantes do Marín Club de Fútbol darán o pregón este ano. / Concello de Marín
As atraccións permanecerán abertas durante toda a programación das Festas do Carme ata a celebración do Día do Neno, o 17 de xullo. Durante esa xornada as atraccións ofrecerán prezos populares.
Por outra banda, este venres, 10 de xullo, terá lugar a lectura do pregón ás 21:30 horas. Os encargados deste ano son os xogadores e a directiva do Marín Club de Fútbol, que logrou nesta tempada conseguir o ascenso a Preferente. Previamente, ás 20:00 horas, arrincará na Alameda a V Festa do Viño da IXP Ribeiras do Morrazo, que rematará ás 00:00 horas e volverá repetirse mañá e o domingo (de 12:00 a 15:00 e de 20:00 a 00:00 horas).
A Alameda tamén acollerá ás 22:30 horas a actuación de Son das Tabernas. A velada culminará co Marín Dance Festival no Parque Eguren, a partir das 23:30 horas, cos shos de MRJ, Alex G, Jose de Rico, Matrek, Vince Stone e Kike Varela.
As mellores orquestras, en Marín
As orquestras non podían faltar nas Festas do Carme e, este ano, Marín gozará da presencia das formacións máis destacadas do momento, que actuarán na Praza de España.

Orquesta Panorama. / R. P.
Mañá, sábado 11, será o turno de Orquestra Arizona (00:30 horas); o domingo subirase ao escenario Panorama (23:00 horas) e o luns 13, Olympus (23:00 horas). O martes tocará disfrutar de París de Noia (23:00 horas) e o mércores, de Marbella (23:00 horas).
O xoves 16, Día do Carme, a orquestra Los Players porá música á última velada das festas, con concerto ás 23:00 horas, previo á gran tirada de fogos de artificio no Paseo Alcalde Blanco.
O Día do Carme
O Día do Carme será a xornada máis especial do programa coa celebración dos actos litúrxicos, as ofrendas á Virxe e a procesión marítima.

A Virxe do Carme embarcando para a procesión de 2025. / Rafa Vázquez
O horario previsto para ese día é o seguinte:
- 10:00 horas: Entrega de Reais Despachos na Escola Naval Militar
- 10:00 horas: Pasarrúas da Banda de Música Cultural de Arcade (Seixo)
- 11:30 horas: Ofrenda floral ás xentes do mar no Porto de Aguete, seguida de Procesión ata a Igrexa de Seixo. A continuación, oficiarase a misa solemne (Seixo)
- 12:00 horas: Misa na honra da Virxe do Carme coa coral Lembranzas (Igrexa Sta. María do Porto)
- 12:30 horas: Pasarrúas Trompos os pes (rúas de Marín, finalizando con baile na Alameda)
- 18:30 horas: Ofrenda floral á Virxe do Carme (saída do Concello)
- 19:00 horas: Procesión marítima da Virxe do Carme cos Chaneiros e a Banda de Música de Marín
- 21:00 horas: Espectáculo de maxia infantil "Ledicias Plus", co Mago Paco (Alameda)
A xornada finalizará, como diciamos no apartado anterior, coa orquestra Los Player's e os fogos de artificio.
Programación completa
Máis alá das orquestras e os actos mencionados, Marín ofrecerá outras moitas propostas para todos os públicos ata o día 16 de xullo. Podes consultar a programación completa na seguinte ligazón, así coma o resto do calendario cultural e festivo que ten preparado o Concello para este verán.
- Bañeras de mármol y piezas de la balaustrada de hace un siglo entre los restos del derribo del antiguo balneario do Outeiro: la Xunta pide a la Policía Autonómica que acuda al inmueble
- El eclipse desde los cielos gallegos: un avión privado desde Suiza a Peinador, dos A400M militares franceses y decenas de avionetas en el interior
- Ya está el calendario escolar 2026-2027 en Galicia: fechas de inicio de curso, vacaciones y claves para la conciliación familiar
- «A Xeitosa» cumple un siglo: cinco generaciones unidas en Vigo alrededor de la casa de Gómez Román
- Muere el músico y diseñador gallego Víctor Coyote a los 68 años de edad en un accidente de bicicleta
- Qué supermercados, tiendas y centros comerciales abren en Vigo este 15 de agosto: todos los horarios
- ¿Qué hay detrás de los vertidos fecales que afectan a la ría de Vigo?
- Dispositivo de la Guardia Civil para intentar localizar a Jaime, un vecino de O Hío desaparecido