Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O San Paio entre pasarrúas, alfombras florais e procesións

O son das bandas de música e os grupos tradicionais, a cor das flores e os diferentes actos relixiosos completan a paisaxe do San Paio

A procesión acompañada pola Banda da Brilat, nun dos momentos de maior solemnidade das festas.
 | BERNABÉ

A procesión acompañada pola Banda da Brilat, nun dos momentos de maior solemnidade das festas. | BERNABÉ

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

O cartel dunhas festas adoita quedar marcado polos grandes nomes que ocupan os escenarios principais ao longo das xornadas. Pero o San Paio da Estrada tamén se constrúe con todo aquilo que sucede entre unha actuación e a seguinte, con pequenos momentos que se repiten cada ano e que axudan a crear unha imaxe propia destes días de finais de xuño na capital estradense.

O primeiro aviso chega cada mañá co son das bombas de palenque, que anuncian que unha nova xornada de celebración acaba de comezar. Pouco despois, as rúas volven encherse de música coa presenza das charangas e agrupacións tradicionais locais que percorren a vila levando o ambiente dun punto a outro. Non hai unha única maneira de atoparse coa festa: ás veces está nunha praza ateigada diante dun escenario e outras aparece de forma inesperada ao dobrar unha esquina.

D’Cotío, Repenicando, Támega, Noroeste, Os Atrevidos ou Europa serán algunhas das formacións encargadas de poñerlle son ao percorrido diario polas rúas estradenses. Xunto a elas, as bandas seguirán ocupando un lugar destacado cunha presenza que vai desde os pasarrúas ata os concertos programados na Alameda ou na Praza de Galicia. A Banda Municipal da Estrada, a Banda Cultural da Estrada, a Banda Municipal de Silleda ou a Banda da Brilat, un clásico do San Paio, formarán parte dunha programación que non entende a música só como un espectáculo de noite, senón como unha compañía permanente durante toda a xornada.

Alfombra floral

Entre as imaxes máis singulares desta edición volverá destacar a alfombra floral do sábado. As rúas Calvo Sotelo, Ulla e Don Nicolás transformaranse durante toda a xornada nun gran lenzo ao aire libre no que o traballo artesanal, a cor e a paciencia dos alfombristas crearán unha das estampas máis fotografadas destas festas. A Asociación de Alfombristas da Estrada contará coa colaboración de colectivos chegados desde distintos puntos de Galicia e tamén de Portugal, convertendo esta iniciativa nun punto de encontro entre persoas que comparten unha mesma paixón por esta expresión artística efémera.

Fervor relixioso

O San Paio reserva tamén momentos de maior solemnidade coas celebracións relixiosas adicadas ao patrón e ao Santísimo. O venres terá lugar a misa na honra de San Paio, seguida da procesión acompañada pola Banda da Brilat, a Banda Municipal de Silleda e a décimo oitava promoción da Policía Local de Galicia da AGASP. Ao día seguinte será a quenda da celebración do Santísimo, coa participación da Coral Polifónica Estradense, a Banda Municipal da Estrada e a Banda de Cornetas, Tambores e Gaitas Agotaga de Ferrol.

Son momentos nos que o ritmo das festas baixa durante un intre e a atención se despraza cara a outras escenas que forman parte inseparable do San Paio. O paso das bandas, o silencio que acompaña a unha procesión, o detalle dunha alfombra acabada ou unha peza musical interpretada no medio dunha praza ofrecen unha perspectiva diferente dun programa que tamén mira cara aos grandes concertos e ás orquestras.

Esa combinación é, precisamente, unha das características que define o San Paio actual. Nun mesmo día pódese pasar dunha actuación multitudinaria a unha pequena escena nunha rúa, dunha noite de verbena ao traballo silencioso de quen coloca flor a flor unha alfombra que só durará uns intres. Son eses contrastes os que completan o retrato dunha festa que, máis alá do cartel e dos grandes escenarios, tamén se conta a través dos seus detalles máis pequenos.

Tracking Pixel Contents