Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A banda sonora dun San Paio sen pausas

Concertos, as mellores orquestras de Galicia, tardeos e música nas rúas compoñen un cartel pensado para público de todas as idades

Actuación dunha das 
orquestras no San Paio. | Bernabé

Actuación dunha das orquestras no San Paio. | Bernabé

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

moncho gonzález

A Estrada

O San Paio ten moitas maneiras de comezar. Pode ser ao ritmo dunha charanga que aparece nunha rúa, cunha sesión vermú mentres a vila se vai enchendo de ambiente, cun concerto ao solpor ou diante dun escenario abarrotado xa entrada a noite. A música acompaña cada xornada das festas deste San Paio 2026 e convértese nun dos seus principais fíos condutores, cunha programación que se estende desde o primeiro día ata o último.

O pistoletazo de saída chegará o mércores 24 de xuño co pregón a cargo da agrupación Tequexetéldere, que este ano celebra os seus máis de 35 anos de traxectoria acudindo ao prestixioso Festival de Lorient. De seguido ao pregón chegará o agardado chupinazo na Praza da Constitución, que marcará o inicio oficial das festas. A partir dese momento, o San Paio porá en marcha unha intensa sucesión de actuacións que pasarán por diferentes puntos da vila, con propostas tan variadas como a do propio grupo folk de Tequexetéldere, o son de Supermirafiori ou o concerto de Adolfo FH na Zona dos Viños.

Un dos grandes atractivos desta edición 2026 será a presenza de artistas que representan estilos moi diferentes. Baiuca traerá á Estrada unha das propostas galegas con maior proxección dos últimos anos, combinando a música tradicional coa electrónica e unha posta en escena moi persoal. Ortiga, pola súa parte, levará ao escenario o seu universo irreverente e mestizo, mentres que David Bustamante protagonizará unha das actuacións máis multitudinarias dun cartel pensado para chegar a distintas xeracións.

A noite estradense tamén terá o selo das grandes orquestras, unha parte imprescindible de calquera programa festivo en Galicia. Gran Parada abrirá o capítulo das grandes verbenas o xoves; Panorama volverá protagonizar unha das noites máis agardadas na madrugada do venres ao sábado; Galilea fará bailar ao público na noite do sábado, e Cinema será a encargada de despedir as festas tras os fogos artificiais do domingo.

Bandas de música, charangas e grupos tradicionais

Pero o San Paio non se limita aos grandes escenarios. Hai unha música que non aparece en letras grandes no cartel e que tamén forma parte da súa personalidade: a das bandas que percorren as rúas, as charangas que sorprenden a veciños e visitantes, os grupos locais e as formacións que acompañan os actos máis destacados do programa.

Ao longo das cinco xornadas pasarán pola vila agrupacións como D’Cotío, Repenicando, Támega, Noroeste, Os Atrevidos ou Europa, ademais das bandas municipais e culturais, que seguirán mantendo vivo ese ambiente de festa que se sente desde primeira hora da mañá.

Tardeos

Tamén haberá espazo para outro fenómeno que nos últimos anos gañou protagonismo nas celebracións populares: os tardeos. A Zona dos Viños volverá ser un dos puntos de maior movemento con diferentes sesións de DJs ao longo de todas as xornadas e actuacións en directo, converténdose nun lugar de encontro para quen quere prolongar a festa sen esperar á chegada da noite.

Durante cinco días, A Estrada terá unha banda sonora continua. Desde o son dunha gaita que abre paso por unha rúa ata os últimos acordes dunha orquestra de madrugada, o San Paio 2026 volverá demostrar que a música non é só unha parte da programación: é o elemento que marca o ritmo de cada xornada.

Tracking Pixel Contents