Unha programación para encher Poio de actividades durante seis días
Agrupacións locais, oficios relixiosos, concertos, exposicións e actividades familiares completan a oferta do San Xoán 2026

Saída da procesión desde o Mosteiro de San Xoán. / GUSTAVO SANTOS
Moncho González
As luces das grandes orquestras son a imaxe máis visible do San Xoán de Poio, pero o programa de festas esténdese moito máis alá do escenario da Seca. Ao longo de seis días, o calendario enche o municipio de actos nos que teñen cabida as agrupacións locais, os concertos, as actividades de rúa, os actos relixiosos, as propostas culturais e os espazos pensados para os máis pequenos.
O punto de partida será o luns 22 de xuño co pregón de Juan José Mariño Viñas, director da Escola de Música de Campelo-Poio, unha figura estreitamente ligada á actividade musical do municipio. A apertura oficial incluirá tamén a entrega dos Premios ao Deporte San Xoán-Pepe Otero, o concerto de Máis Cantos e a actuación do grupo Azabache no tradicional baile do Campillo.
Un dos días centrais do programa será o 24 de xuño, xornada dedicada ao patrón. A mañá estará marcada polas alboradas e os actos litúrxicos, coa misa solemne e a procesión, acompañadas pola música da Banda de Música de Poio. A celebración continuará durante o día con novas actuacións e actividades antes de dar paso á segunda gran noite de verbena na Seca.
O San Xoán reserva tamén un espazo destacado para as agrupacións que manteñen unha actividade continuada ao longo de todo o ano. As pandereteiras do Ronsel protagonizarán a tradicional recollida de herbas de San Xoán, mentres que Vides Novas, a Escola de Música Tradicional de Poio, a Coral de Poio, o Coro Virxe da Renda, a Escola de Música de Poio ou a Escola de Acordeóns de Campelo terán presenza na programación.
A festa tamén mira cara ás artes plásticas coa exposición “Mitoxénese”, da artista local Sara Ramos, instalada durante todo o mes de xuño no Casal de Ferreirós. A mostra reúne unha selección das súas ilustracións realizadas desde o ano 2023 ata a actualidade, incorporando outra disciplina a un programa que busca ofrecer propostas diversas ao longo da semana.
Outro dos momentos singulares será a subida a San Martiño, unha cita que continúa formando parte do calendario festivo e que se completa con actuacións musicais e encontros arredor dun dos espazos máis emblemáticos do municipio.
O peche chegará o sábado 27 de xuño cunha gran festa infantil con escuma e animación musical, unha actividade que nos últimos anos gañou un lugar propio dentro da programación e que permitirá que os máis pequenos se convertan nos protagonistas da última xornada.
Así, entre os grandes escenarios nocturnos e os actos que se desenvolven desde primeira hora da mañá, o San Xoán de Poio constrúe unha programación de seis días na que conviven espectáculos de gran formato, música de proximidade, tradicións populares, actividades culturais e propostas familiares, completando unha das edicións máis amplas e variadas dos últimos anos.
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- Así será la revolución que vivirá el frente litoral de Vigo en Teis: alquileres «tasados» durante 75 años, calidad arquitectónica, vida comercial, grandes dotaciones públicas y un bosque
- «Hemos visitado colegios y sorprende que niños de primaria no sepan identificar un pez tan característico y gallego como el rape»
- Víctor Fernández, afectado por la prohibición del Concello de Vigo: «Sin conciertos en mis chiringuitos tendré que despedir a gente»
- Muere un hombre mientras se bañaba en una playa de A Illa
- Así es el nuevo Teis que impulsa la Zona Franca de Vigo
- Condenan al Sergas por la extirpación «a ciegas» del útero a una joven de 33 años en Vigo
- Así eran nuestras playas antes de su urbanización y el desembarco de turistas