Salto de calidade para unha das grandes citas do verán
Seis días de festa, sete grandes orquestras e unha programación que sitúa o San Xoán de Poio no centro do inicio do verán na comarca

A fogueira da noite do 23 de xuño, un dos momentos máis agardados do San Xoán. / GUSTAVO SANTOS
Moncho González
Seis días de programación, un cartel con algunhas das formacións máis reclamadas de Galicia e unha noite de San Xoán reforzada converten a edición de 2026 nunha das máis ambiciosas que se lembran. Poio prepárase para unha semana na que a festa ocupará rúas, prazas e escenarios de todo o municipio.
Cando a conta atrás chegue ao seu final, Poio volverá poñer en marcha unha das súas citas máis concorridas do ano. Do 22 ao 27 de xuño, o concello vivirá seis días de intensa actividade nos que a música será a gran protagonista, sen deixar de lado unha programación que tamén inclúe propostas culturais, actos relixiosos, actividades infantís, exposicións e citas que forman parte do calendario destas celebracións.
A programación de 2026 presenta unha das apostas máis completas dos últimos anos, cunha combinación de grandes espectáculos nocturnos e unha actividade continua desde primeira hora da mañá. Alboradas, pasarrúas, actuacións de agrupacións locais, concertos e actos institucionais irán marcando o ritmo dunha semana na que diferentes puntos de Poio compartirán protagonismo.
O gran centro da festa volverá situarse na Seca, o recinto que acollerá as grandes noites de verbena. Durante catro xornadas consecutivas subirán ao escenario algunhas das formacións máis coñecidas do panorama musical galego. O martes 23 abrirá o programa Os Satélites, unha formación histórica das festas populares que será tamén a encargada de acompañar unha das noites con maior afluencia de público.
O mércores 24 será a quenda de Ritmo Xove e Charleston, dúas propostas que garantirán a continuidade do ambiente festivo. O xoves 25 chegará unha das citas chamadas a reunir un maior número de persoas coa presenza de Marbella e, sobre todo, de Panorama, unha das orquestras de maior impacto mediático e cun dos espectáculos máis potentes do circuíto actual. A programación musical da Seca pecharase o venres 26 con Capitol e Kubo, dúas formacións que completan un cartel pensado para manter o nivel durante toda a semana.
Pero o San Xoán de Poio vai moito máis alá das actuacións sobre o escenario. A noite do 23 de xuño continuará sendo o momento central das festas cunha sardiñada popular que nesta edición reforzará o número de racións repartidas. Ademais, a programación incorpora o espectáculo de lume “Fogo Fatuo”, da compañía Asacocirco, unha proposta visual que precederá ao prendido da gran fogueira na Seca e que engadirá un novo atractivo a unha das citas máis esperadas da semana.
O inicio oficial das celebracións chegará o luns 22 de xuño coa lectura do pregón a cargo de Juan José Mariño Viñas, director da Escola de Música de Campelo-Poio e unha figura cunha longa traxectoria vinculada á vida musical do municipio. A xornada inaugural incluirá tamén a entrega dos Premios ao Deporte San Xoán-Pepe Otero, o concerto de Máis Cantos e a tradicional verbena do Campillo co grupo Azabache.
Ao longo dos seis días de programación haberá tamén un espazo destacado para as agrupacións locais e para a actividade cultural. Participarán colectivos como Vides Novas, as pandereteiras do Ronsel, a Escola de Música Tradicional de Poio, a Coral de Poio, o Coro Virxe da Renda, a Escola de Música de Poio e a Escola de Acordeóns de Campelo. Ademais, o Casal de Ferreirós acollerá durante todo o mes de xuño a exposición “Mitoxénese”, da artista local Sara Ramos.
O punto final das celebracións chegará o sábado 27 de xuño coa gran festa infantil con escuma e animación musical, unha proposta que nos últimos anos gañou protagonismo dentro do programa e que permitirá pechar unha semana na que Poio volverá a converterse nun dos principais puntos de encontro das festas do inicio do verán en Galicia.
- Dos viajeras que perdieron un avión de Madrid a Bruselas por una avería del tren en Ourense no serán indemnizadas por el coste de los billetes adicionales para llegar a Bélgica
- Cierran tres negocios de Frutas Nieves en Vigo por el desahucio de un franquiciado, una situación inédita en sus más de 40 años
- La reconocida orquesta gallega París de Noia pierde a una de sus principales voces en la temporada de mayor actividad
- Trescientos pacientes del Chuvi reciben los primeros fármacos específicos para combatir las migrañas
- Gran espacio para aparcar, pero todavía sin limpiar
- «La dieta y el ejercicio son fundamentales en la menopausia y, para las que aun así tienen síntomas, hay tratamientos»
- La Asociación de Veciños de Tirán se posiciona contra la residencia de mayores de Moaña en O Carrachal
- María Corina Machado, de boda en Vigo