Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Pazo da Crega énchese de música e viño

A actuación de Fátima Pego, as orquestras, as catas, a sardiñada popular e o ambiente nas casetas, progtagonistas dunha programación repartida ao longo de catro xornadas

Brindis durante a edición pasada do certame.

Brindis durante a edición pasada do certame. / concello de barro

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Moncho González

O Pazo da Crega convertirase unha vez máis no centro da actividade festiva de Barro durante a celebración da XLVII Festa do Viño. Durante catro días, o recinto recibirá a un continuo ir e vir de persoas que se achegarán ata as casetas das adegas para degustar os seus viños, compartir unha conversa arredor das mesas instaladas no recinto ou gozar das numerosas actuacións incluídas no programa.

A programación comeza hoxe mesmo, xoves, coa festa infantil celebrada no pavillón municipal, onde os máis pequenos poden desfrutar dos inchables de balde. A xornada tamén terá o seu espazo para o deporte coa celebración de encontros de fútbol das categorías base do Barro CF no campo do Outeiro.

Xa entrada a noite, o protagonismo trasladase ao epicentro da celebración, o Pazo da Crega, coa celebración do tradicional Xoves do Viño. A actuación de Jorge Menéndez poñerá a banda sonora a unha primeira noite na que os asistentes farán as primeiras degustacións dos viños elaborados polas adegas de Barro, dando así o pistoletazo de saída a unha fin de semana na que o viño será o gran protagonista.

O venres continuan os encontros de fútbol base e o Grupo de Danzas Amor Ruibal de Barro ofrecerá unha actuación ao público presente. Despois do pregón de Celso García Alonso e da apertura oficial do XIX Certame de Viños da D.O. Rías Baixas, o protagonismo pasará a Son das Tabernas. A formación chegará ao Pazo da Crega cunha proposta baseada na música tradicional e popular galega, recuperando esas cantigas que durante décadas acompañaron as celebracións, as reunións familiares e as xuntanzas nos bares e tabernas. A súa actuación será unha oportunidade para facer unha pausa antes da verbena e deixar que o público se converta tamén en parte do espectáculo, acompañando os temas máis coñecidos.

A noite do venres prolongarase ata altas horas coa verbena protagonizada polas orquestras La Mecánica e Panorama City, que de bo seguro farán bailar aos asistentes nunha das citas máis concorridas da fin de semana.

O sábado preséntase como unha das xornadas con maior número de actividades. A final sénior do XI Torneo de Tenis Festa do Viño, os partidos de fútbol base e os concertos no Pazo da Crega ocuparán toda a tarde. A Coral Polifónica de Barro abre a programación musical, seguida polo festival do Grupo de Danzas Amor Ruibal diante do centro cívico e pola actuación de Xabi DJ. Co avance da noite, a festa trasladarase novamente ao escenario principal coa verbena das orquestras Marbella e América de Vigo, que serán as encargadas de amenizar a verbena.

A última xornada da festa comeza coa cata de viños albariños da Denominación de Orixe Rías Baixas e coa cata de viños caseiros, unha oportunidade para coñecer diferentes elaboracións e características dos viños participantes. O domingo tamén acolle a entrega de trofeos e unha xuntanza de coches e motos clásicas que, como cada ano, despertará o interese de numerosos afeccionados.

A música continua coa charanga Alambique percorrendo o recinto antes da sardiñada popular acompañada de viño de balde para os asistentes.

Ás 15.00 horas terá lugar o Xantar da Festa do Viño. Os nenos de ata cinco anos poderán asistir de balde, mentres que o prezo será de 30 euros para os adultos e de 15 euros para as crianzas ata 12 anos. Os últimos tíckets poden adquirirse no Concello de Barro ata hoxe mesmo, día 18, ou ata completar o aforo. Axornada culminará ás 20.00 horas cun concerto de Fátima Pego, qeu subirá ao escenario acompañada pola Banda de Música Xuvenil de Barro, coa colaboración dos gaiteiros Felipe Rea e Borja Becerra. O acto será presentado por Xurxo Souto e servirá como peche dunha edición que volverá converter o Pazo da Crega no epicentro da actividade festiva do municipio durante catro días.

Tracking Pixel Contents