Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Nove anos de óperaescolar no Eduardo Pondal

O centro estrea «Cando o mar se tingue», a sétima produción creada polo alumnado de 5º de Primaria

Alumnos que forman parte da compañía de ópera marAgotas .

Alumnos que forman parte da compañía de ópera marAgotas . / FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cangas

Hai nove anos, un grupo de mestres do CPR Plurilingüe Eduardo Pondal embarcouse nunha aventura que non sabía moi ben ata onde podía chegar. Hoxe aquela aposta educativa segue máis viva ca nunca.

O alumnado de 5º de Primaria presentará nos próximos días ‘Cando o mar se tingue’, a nova produción da compañía de ópera marAgotas, converténdose así na sétima compañía creada no centro desde a chegada do proxecto LÓVA (La Ópera, un Vehículo de Aprendizaxe) no ano 2017.

Durante estes anos, centos de nenos e nenas pasaron por unha experiencia que vai moito máis alá de preparar unha representación teatral. Cada promoción crea a súa propia compañía, escolle un tema, escribe unha historia orixinal, compón cancións, deseña escenografía, organiza a produción e leva ao escenario unha obra creada integramente polo alumnado.

A primeira compañía, Estrelas de Cores, abordou o amor prohibido. Despois chegou Lovazones, marcada pola pandemia e centrada no abuso de poder. Máis tarde chegarían Sweeter-Bitters, cunha reflexión sobre as aparencias e as redes sociais; Receita Secreta, que utilizou o paso do tempo como metáfora; Atrapeite, arredor da morriña, a emigración e o racismo; e SUMA, unha historia sobre a amizade e a forza do grupo.

Agora é a quenda de marAgotas, que levará ao escenario unha historia inspirada nos incendios forestais e nas consecuencias que estes poden ter sobre a ría e os ecosistemas mariños.

O proxecto converteuse nunha das señas de identidade do centro. Aínda que oficialmente está vinculado a determinadas materias, na práctica implica á meirande parte do claustro e permite traballar de forma multidisciplinar contidos de todas as áreas.

Para Manuel Cordeiro, docente do centro e integrante do Comité Pedagóxico Nacional de LÓVA, unha das claves da súa continuidade é que «o proxecto nunca foi entendido como unha actividade extra, senón como unha forma diferente de aprender. O alumnado sente a compañía como algo propio e iso fai que cada ano a experiencia se renove sen perder a súa esencia».

Unha opinión compartida por Alberto Costas, tamén membro do Comité Pedagóxico Nacional e presente desde a primeira edición: «O máis emocionante é comprobar como cada compañía deixa algo para a seguinte. Non só materiais ou documentos. Deixa unha forma de facer as cousas, unha cultura de colaboración que xa forma parte do centro».

Esa transmisión entre xeracións converteuse nun dos sinais distintivos do proxecto. Ano tras ano repítense pequenos rituais que xa forman parte da vida escolar, como a entrega simbólica do remo da compañía saínte á seguinte, un xesto que representa o relevo dunha travesía que comezou en 2017 e que segue avanzando.

Mentres as historias, os personaxes e os temas cambian cada curso, hai algo que permanece: a convicción de que aprender tamén pode significar crear xuntos.

E que unha compañía de ópera pode ensinar moito máis que música ou teatro

Tracking Pixel Contents